- Tematica
Este xoves, día 26, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de construción do novo CEIP do Milladoiro para bonificar a cota do ICIO, a resolución de alegacións e aprobación definitiva do regulamento para a xestión do servizo do Ciclo Integral da Auga, a aprobación inicial da ordenanza reguladora das prestacións patrimoniais de carácter público non tributario pola prestación dos servizos que conforman o Ciclo Integral da Agua, e a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar. Tamén se abordará a segunda modificación do plan estratéxico de subvencións para o período 2023-2025, a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo publico pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira, e a corrección de erros na modificación do lote 3 do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal. Ademais, tratarase unha moción presentada polo grupo Espazo Común e unha declaración institucional de todos os grupos políticos. Debido ás obras que se están a realizar no salón de Plenos do Concello de Ames, a sesión celebrarase no Pazo da Peregrina. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria e coa aprobación, se procede, das actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do 28 de setembro e do pleno extraordinario do 13 de outubro.
De seguido, a Corporación municipal debaterá sobre a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras de construción do novo CEIP do Milladoiro para aplicar unha bonificación na cota do ICIO. Este feito está fundamentado ao tratarse de obras de construción dun centro de educación infantil e primaria, centro publico de ensino obrigatorio, fixando como porcentaxe da bonificación o 95% da cota tributaria. A Xunta Goberno Local do Concello de Ames, na sesión do 31 de agosto, concedeu a correspondente licenza de obras á Consellería de Cultura, Educación e Universidades, para a construción de dito centro educativo.
Ciclo Integral da Auga
Outros dos temas a tratar será a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva do regulamento para a xestión do servizo do Ciclo Integral da Auga. As alegacións presentadas contra o acordo plenario do 27 de xullo de 2023 de aprobación inicial do regulamento, foron desestimadas, polo que se propón aprobar definitivamente dito regulamento. Cómpre lembrar que no pleno do 27 de abril de 2023, previa a oportuna tramitación administrativa, acordouse que a forma de xestión do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames fose a xestión directa a través dunha entidade pública empresarial local. Posteriormente, o 11 de maio de 2023 acordouse a creación da entidade publica empresarial local denominada Augas de Ames EPEL.
Relacionado tamén co Ciclo Integral da Auga, abordarase a aprobación inicial da ordenanza reguladora das prestacións patrimoniais de carácter público non tributario pola prestación de ditos servizos. Previamente a proposta de dita ordenanza xa foi sometida a exposición pública sen que se presentasen suxestións. Agora, no caso de que dita ordenanza sexa aprobada terá que estar en exposición publica mediante anuncio por prazo de 30 días hábiles no BOP, taboleiro de anuncios da sede electrónica e portal de transparencia.
Servizo de Axuda no Fogar
Ademais, tratarase a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar, nas modalidades de dependencia e libre concorrencia que afectaría unicamente ao artigo 5.A.1 e 5.B.3. A vixente ordenanza fiscal foi aprobada no pleno do 31de outubro de 2013. Proponse agora, dende a Concellería de Benestar Social, aprobar unha modificación que afectaría a unha parte do artigo 5 e que viría motivada polo Decreto 99/2012 do 16 de marzo polo que se regulan os servizos sociais e comunitarios e o seu financiamento, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.
Plan estratéxico de subvencións
Tamén se abordará a segunda modificación do plan estratéxico de subvencións para o período 2023-2025. O 23 de febreiro de 2023 o Pleno da Corporación aprobou dito plan estratéxico de subvencións. O 11 de maio dese mesmo ano o Pleno aprobou a primeira modificación do plan, para introducir una subvención nova subvención dentro da área de Promoción Económica e ao mesmo tempo modificouse a liña de axudas a familias numerosas ao existir un erro en canto aos importes.
Asemade, no pleno do 11 de maio aprobouse un suplemento de crédito a través do cal se dota de crédito para continuar coa liña de axudas denominada “Bonos Comercio”, que foi posta en marcha no ano 2020 e seguinte. Esta axuda estaba dirixida aos potenciais consumidores para a adquisición de bonos de compra para investir no sector comercial e de hostalería de Ames, co obxecto de fomentar o consumo local e dinamizar a contorna urbana despois da crise da Covid-19. Tendo en conta o éxito da campaña e dentro do “Plan Ames Progresa” o Concello pretende poñer en marcha unha nova convocatoria, aos efectos de continuar coa recuperación económica. A xestión desta campaña levarase a cabo a través dunha entidade colaboradora, os comercios interesados perderán adherirse ao programa, e a través dunha APP web os beneficiarios poderán adquirir os bonos para empregar no comercio local.
Centro deportivo A Telleira
Por outra banda, debaterase a revisión do prezo do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira para o exercicio 2023. O incremento ascende ao 11,5% unha vez aplicada a fórmula recollida na cláusula 22 do prego, que fai referencia á evolución do IPC galego. A revisión formúlase tomando como referencia os períodos comprendidos entre xullo de 2021 a xullo de 2022 e terá efectos dende a entrada en vigor da modificación da ordenanza reguladora do prezo publico pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira.
Relacionado tamén co centro deportivo municipal A Telleira, vaise debater a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo publico pola utilización de dito centro deportivo. A finalidade desta modificación é a aplicación do IPC acumulado galego de xullo 2021 - xullo 2022 que ascende ao 11,5%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado.
Servizo de limpeza das instalacións municipais
Outros dos temas a tratar será a corrección de erros na modificación do lote 3 do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal. Trátase dunha corrección sobre as anualidades, número de horas e importes. O lote 3 de dito servizo foi adxudicado no pleno do 28 de xullo de 2022 á empresa Limpezas Germania SL.
Moción e declaración institucional
Tratarase tamén unha moción en apoio ás asociacións do concello solicitando a convocatoria e resolución das subvencións ás mesmas no primeiro trimestre do ano e a xustificación e o pagamento no 1º e 2º semestre do ano. No apartado de acordos recóllese que o goberno de Ames se comprometa a convocar e resolver as convocatorias de axudas ás asociacións no primeiro trimestre de cada ano, así como que se inicie o proceso, en coordinación co persoal técnico dos servizos implicados, para a modificación das bases de convocatorias de subvencións que non contemplen actualmente dous prazos de xustificación ( 1º e 2º semestre) de tal forma que se inclúan cando con iso poida beneficiarse o interese público e as dispoñibilidades dos servizos o posibiliten.
Por último, abordarse unha declaración institucional de todos os grupos municipais de apoio á mellora do transporte metropolitano no concello de Ames. En dita declaración ínstase a Xunta de Galicia a facer un estudo dos problemas existes na liña O Milladoiro - Santiago de Compostela e Bertamiráns – Santiago de Compostela e facer un reforzo do servizo nas horas de maior demanda. Ademais, solicítase revisar o cumprimento das rutas e horarios por parte da empresa concesionaria en todas as liñas do concello; e apostar dun xeito decidido pola calidade do servizo de transporte público de Ames, atendendo ás necesidades dos usuarios e usuarias.