- Tematica
Este xoves, 26 de xuño, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de xuño. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora de actos de benvida social, do proxecto de mellora do camiño de Quintáns e outro incluído no Plan Camiña Rural 2025-2026, do proxecto refundido de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro, e mailas segundas prórrogas dos servizos de monitores e persoal na Rede de comedores escolares e Tardes divertidas. Tamén se abordará a primeira prórroga dos servizos de limpeza nos centros de educación infantil, primaria e escolas unitarias; escolas infantís; e instalacións de uso municipal. Ademais, trataranse dúas mocións: unha do grupo municipal do BNG para unhas festas máis inclusivas e sostibles en Ames; e outra do grupo do Partido Popular en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción que afecta a contorna persoal e política de Pedro Sánchez, presidente do Goberno de España. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de maio celebrada o pasado 28 de maio de 2025.
O primeiro tema de debate será a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora de actos de benvida social, tamén coñecida en outros concellos como bautizo civil. Trátase dunha medida que ten como obxecto a regulación da celebración en locais municipais do Concello ou en recintos privados, dunha cerimonia laica de benvida, acollemento social e presentación de nenos ou nenas menores de idade ante a comunidade veciñal.
A cerimonia, que será realizada polo alcalde ou calquera concelleiro no que delegue, realizarase previa solicitude de ambos os proxenitores, ou titores, que se formulará, con polo menos quince días de antelación mediante un formulario normalizado. Durante a celebración deste acto citarase a lexislación que ampara o procedemento administrativo e o pai, nai ou titor legal comprometerase publicamente a educar ao seu fillo/a en valores de paz, liberdade e xustiza social; inculcándolle o respecto á igualdade, á diversidade da persoas, aos seus maiores, ás persoas con capacidades diferentes; e en xeral, comprometerase a procurar formalo como cidadán responsable, que integre e mellore a nosa comunidade veciñal.
A instauración desta cerimonia civil obxecto da ordenanza non ten como fin confrontar, desmerecer, desnaturalizar, nin moito menos substituír o sacramento do bautismo cristiá, senón que pretende dar resposta a numerosas demandas formuladas pola veciñanza de Ames.
Plan Camiña Rural 2025-2026
Outro dos temas que se vai abordar é a aprobación do proxecto de mellora do camiño de Quintáns e outro incluído no Plan Camiña Rural 2025-2026. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) aprobou as normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas correspondentes ao plan Camiña rural para o período 2025-2026. O importe máximo da subvención para o Concello de Ames ascende a 55.728 euros.
Para participar na convocatoria deste plan elaborouse o proxecto denominado “Mellora de camiño en Quintáns e outro”, que conta cun presuposto total de execución por contrata de 67.430,88 euros, dos cales 11.702,88 euros son a parte correspondente ao IVE, que debe asumir o Concello de Ames. Este proxecto contempla actuacións para a mellora do camiño en Quintáns; e mellora do camiño de Proupín a Lamas.
Mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro
Tamén se vai abordar a aprobación do proxecto refundido de mellora da rede de evacuación de augas pluviais no parque empresarial Novo Milladoiro. O pasado 5 e xuño de 2025 o Concello e Ames recibiu a notificación da Consellería de Economía e Industria pola que se lle concede unha subvención para a habilitación e mellora de infraestruturas do seu parque empresarial, ao abeiro da Orde do 7 de xaneiro de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dito proxecto conta cun presuposto total de execución por contrata de 64.690,25 euros, dos cales 11.227,23 euros son a parte correspondente ao IVE. A subvención que se lle foi concedida ao Concello de Ames ascende a 51.752,20 euros, que representa o 80% do orzamento total do proxecto.
Servizo de monitores e persoal na Rede de comedores escolares e Tardes divertidas
Ademais vanse tratar dúas prórrogas de contratos vinculados aos servizos de conciliación da vida laboral e familiar. A primeira delas será a segunda e última prórroga do lote 1 do servizo de monitores e persoal da Rede de comedores escolares, ampliando a vixencia do contrato ata o 31 de agosto do 2026. O importante total de dita prórroga do contrato ascende a 1.172.407,34 euros.
Outra das prórrogas de contratos que se debaterá será a do lote 3 do servizo de monitores e merendas no programa Tardes divertidas, coa proposta de estender o contrato por un ano ampliando a súa duración ata o 31 de agosto de 2025. O importante total de dita prórroga do contrato ascende a 250.809,39 euros.
Primeira prórroga dos contratos do servizo de limpeza
Tamén se abordará a primeira prórroga dos tres lotes do contrato de servizos de limpeza nos centros de educación infantil, primaria e escolas unitarias; escolas infantís; e instalacións de uso municipal. O primeiro lote atinxe ao servizo de limpeza nos centros de educación infantil, primaria e escolas unitarias de Ames. O segundo lote corresponde ao servizo de limpeza nas escolas infantís, mentres que o terceiro lote inclúe o servizo de limpeza en instalacións de uso municipal.
A vixencia do contrato destes tres lotes ampliase nun ano estendendo a súa vixencia ata o 31 de agosto de 2026. O orzamento anual do primeiro lote ascende a 293.130,73 euros; o orzamento do segundo lote é de 79.491,37 euros, mentres que o do terceiro lote ascende a 218.539,79 euros.
Mocións políticas
Ademais, abordaranse dúas mocións. A primeira será unha moción do grupo municipal do BNG para unhas festas máis inclusivas e sostibles en Ames. Por outra banda, o grupo municipal do Partido Popular presentou unha moción en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción que afecta a contorna persoal e política de Pedro Sánchez, presidente do Goberno de España.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El polígono Novo Milladoiro mejorará el sistema de evacuación de aguas pluviales"
El Correo Gallego: "O pleno de Ames aborda a mellora da rede de evacuación de augas do Novo Milladoiro"





