Pestanas principais

Departamento de Deportes

    • Enderezo: Praza do Concello, nº 2, Bertamiráns.
    • Teléfono:  981 88 30 02 / 619 84 25 04
    • Horario de atención ao público:
      • De luns a venres, en horario das 9:00 ás 14:00 horas.
    • Responsable municipal: Concellaría de Deportes
    • Responsable técnico: Alberto Viaño Moure.
Outros Datos: 
  • Programación escolas deportivas 2023-2024
  • Funcions:
    • Deseñar proxectos deportivos: escolas deportivas, eventos deportivos...
    • Planificar e xestionar programas deportivos e elaborar estratexias de funcionamento.
    • Incentivar a participación cidadá tanto nas actividades como na creación deportiva.
    • Asesorar e informar aos grupos e entidades deportivas do concello, así como ao público en xeral.
    • Colaborar nas programacións da Deputación: Campaña de esqui, campamentos deportivos, circuíto de carreiras populares...
    • Xestionar as subvencións correspondente á área de deportes, ben sexan as da Deputación ou as convocatorias propias do Concello de Ames de apoio ás asociacións deportivas e clubs.
    • Xestionar as instalacións deportivas municipais (pavillóns polideportivos, campos de fútbol e piscinas descubertas municipais).
  • Normativa:
  • Novas relacionadas
  • Axenda

Novas do departamento

A asociación amesá de sendeirismo e montañismo, Rutasapie, prepara unha nova ruta, esta vez polo río Tambre. Será este sábado, 21 de setembro. Haberá servizo de autobús, que sairá da estación de autobuses de Santiago de Compostela ás 08.45h, pasando pola estación de tres ás 08.50h, e polo aparcamento de Santa Marta ás 9.00 horas. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese chamar ao número de teléfono 628 28 79 57 ou enviar un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com. Trátase dunha ruta de 14,12 quilómetros de distancia, cun desnivel de 518 metros e dificultade doada.

Esta pasada fin de semana celebrouse en Valencia o Campionato de España de Atletismo sub-18, no que Ames estivo representado pola atleta María Estévez, atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. A amesá, que conseguiu ser subcampioa galega nos 800 metros acadou o quinto posto na final de 1.500 metros.

O pasado sábado 26 de outubro desenvolveuse en Madrid o campionato de España de clubs sub20, no que participou a atleta amesá María Estévez. A deportista conseguiu un gran resultado, rematando primeira na proba de 2.000 metros obstáculos, cunha vantaxe de 31” sobre a segunda clasificada.

A atleta María Villaverde Brea, do Club Ames Atletismo, debutou este sábado 23 de outubro na final B1 do Campionato de España de Atletismo sub-16 por equipos, disputado nas pistas de Camargo, en Cantabria. A xove deportista amesá tivo unha gran actuación, participando nas probas de lanzamento de peso e no relevo 4x100 metros, que conseguiu gañar xunto as súas compañeiras Nadia, Marta e Nerea cun tempo de 53,69 segundos. Por outra banda, Villaverde Brea rematou a final do lanzamento de peso en quinta posición, cun mellor intento de 6,45 metros.

A nova promesa do atletismo amesá, amosou o seu potencial na sua primeira competición coa Sociedade Ximnástica de Pontevedra ao clasificar nunha meritoria quinta posición no Campionato Galego de Campo a través sub-18 celebrado este pasado sábado en A Rúa. A participación de María contribuíu decisivamente a que o equipo feminino da sociedade ximnástica proclamásese campión galego de campo a través.

A atleta do club Ames Atletismo Savante, Icía Ares, vén de proclamarse campioa de España sub 18 na proba de 5.000 marcha. A deportista do club amesán, que competiu baixo as cores do club Ourense Atletismo, logrou a medalla de ouro no campionato nacional celebrado en Castellón. Ademais, Icía Ares remata a tempada coa magnífica nova da convocatoria da selección española de atletismo para participar no campionato Iberoamericano do 19 e 20 de xullo en Paraguay.

Ames acolle o próximo domingo, 21 de decembro, no marco da programación de Nadal, a XVIII Carreira Ciclista do Pavo. Unha proba organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, o Concello de Ames e a Escola de ciclismo Velostar, na que poderán participar tanto adultos como cativos, federados ou non federados. Todo, co obxectivo de facer unha festa do ciclismo. As inscricións para os ciclistas federados poden facerse na web da federación ata o próximo xoves 18 ou no propio día da carreira. Para as persoas non federadas,  o prazo será unicamente ata o xoves 18 no correo electrónico begonaalonso@mundo-r.com ou no teléfono 677 555 748. Haberá cortes de tráfico na avenida da Maía e arredores.

Tras un ano de parón por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, Bertamiráns acolle unha nova edición da tradicional carreira ciclista do pavo este domingo, 12 de decembro. As actividades comezarán ás 11:00 horas, cunha xincana para a cativada, mentres que a proba iniciarase ás 12:00 horas. Ao remate da carreira, realizarase unha homenaxe ao ciclista galego, Gustavo César Veloso, que este ano pon fin á súa traxectoria profesional e que participará no evento. As inscricións xa están abertas tanto para as persoas federadas, na web da Federación Galega de Ciclismo, como para as persoas sen licenza, que deben enviar os seus datos antes do 10 de decembro, ás 14:00 horas, ao enderezo electrónico begoalonso@mundo-r.com.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 18 de xuño, ás 20.00 horas, un acto de recoñecemento a equipos e deportistas amesáns que destacaron ao longo da temporada 2025-2026. O alcalde, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, foron os encargados de entregarlles un pequeno obsequio en recoñecemento dos éxitos logrados durante a tempada que vén de rematar. Os recoñecementos grupais foron para o Bertamiráns FC, Milladoiro SD, Ames Atletismo, o CB Ames e o CPA Omega. Ademais, os recoñecementos individuais foron para María Estévez, Mateo Riveiro, Miguel Bascoy, Mauro Vrhovski, Claudia Veiga, Hugo Vrhovski, María Peña, Inés Peña, Jorge Sanmartín, Lucía García, e os irmáns Olivia e Xoán David Parga.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o pasado venres, 10 de xaneiro, a celebración da primeira edición da Gala do Trail Running Galego, cuxo principal obxectivo foi dar a coñecer e premiar o traballo e os méritos dos deportistas nas distintas especialidades do trail running ao longo do ano 2024. A celebración deste acto, ademais de para premiar os méritos deportivos e organizativos, serviu para a presentación dos distintos eventos e novidades de cara ao primeiro treito deste ano 2025.

Eventos del departamento

O departamento de Deportes do Concello de Ames ofrece este sábado, 29 de abril, un torneo de minitenis gratuíto para rapazada a partir dos 3 anos. Será nas pistas de tenis de Aldea Nova, a partir das 16:00 horas. As inscricións poden realizarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a IV edición do “Trail e Andaina Ribeiras do Tambre”, que se desenvolverá o vindeiro domingo 2 de abril. A saída do trail terá lugar ás 10:00 horas dende Ponte Maceira. Cinco minutos máis tarde, e desde o mesmo lugar, sairá a andaina. Para participar é necesario inscribirse a través de emesports.es. O prazo remata o 29 de marzo ás 23:59 horas. A proba enmárcase dentro da especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Poderá participar calquera deportista, estea ou non federado. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.

En plena concentración para preparar os partidos clasificatorios para o EuroVolley 2023, as Leoas da selección española absoluta feminina de voleibol van disputar dous partidos amigables en Galicia, nos que se enfrontarán ao equipo de Hungría. Deste xeito, os encontros desenvolveranse o sábado 6 en Noia, e o domingo 7 no pavillón polideportivo de Bertamiráns, a partir das 19:00 horas.

O Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro, e o Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, organizan este venres 24 de xuño a décimo primeira edición do Encontro de escolas deportivas municipais de patinaxe artística Concello de Ames, no que colabora o propio Concello. No evento, que se desenvolverá no pavillón municipal de Bertamiráns a partir das 11:30 horas, participarán preto de 200 alumnas e alumnos das escolas deportivas de Bertamiráns, Barouta e do Milladoiro. O programa incluirá dúas competicións entre os grupos das escolas e exhibicións dos clubs de patinaxe amesáns, que realizarán diferentes coreografías grupais.

O pavillón municipal de Bertamiráns acolle este domingo, 30 de abril, o XII Encontro de patinaxe artística das Escolas Deportivas municipais do Concello de Ames. Será a partir das 12:00 horas. 

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza para o domingo, 18 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:00 e as 13:00 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender nocións básicas sobre esta embarcación. A xornada “Achégate ao piragüismo” consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos, sempre e cando saiban nadar, e na que se aprenderá a subir a unha piragua, manter o equilibrio e manexar as palas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es. Hai que levar traxe de baño, camiseta e chancletas. 

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza unha xornada de portas abertas para asistir a un curso de piragüismo o vindeiro sábado 5 de xuño, na Pravia Fluvial de Tapia. Esta actividade, que se desenvolverá de 11.00 a 13.00 horas, está dirixida aos nenos/as maiores de 7 anos que saiban nadar. Precísase levar traxe de baño, chinelas e camiseta. Para inscribirse débese enviar un email a info@ribeirasdotambre.es

Bertamiráns acolle unha nova edición da Carreira Ciclista do Pavo o domingo 18 de decembro. As actividades darán comezo ás 11:00 horas, cunha xincana para os máis pequenos, mentres que a proba se iniciará ás 12:00 horas. Ao remate da carreira realizaráselle unha homenaxe ao ciclista Álex Marque. As inscricións están abertas ata o sábado 17: os participantes federados deberán anotarse a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo, mentres que aqueles que non posúan licenza e os cativos e cativas poden facelo enviando os seus datos ao enderezo electrónico begonaalonso@mundo-r.com.

Tras sete anos de parón dende a súa anterior edición, a Milla Urbana Concello de Ames volve neste 2022 ao Milladoiro. Trátase dunha carreira curta, na que as persoas participantes deberán percorrer un circuíto urbano de entre 200 metros e unha milla, dependendo da idade. Calquera persoa pode participar nesta proba, con ou sen licenza federativa e sen límites de idade. A proba desenvolverase o domingo 25 de setembro a partir das 9:00 horas, na zona da área deportiva da travesía do Porto, no Milladoiro. A inscrición, de balde, poderá realizarse ata o mércores 21 de setembro ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón.

A Carreira Pedestre Popular Concello de Ames volve na que é xa a súa vixésimo primeira edición, despois de dous anos de paro obrigado pola situación epidemiolóxica. A proba, que se desenvolverá o próximo domingo 23 de outubro, contará cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O prazo de inscrición para participar na carreira xa está aberto ata o mércores 19 de outubro ás 23:59 horas, e pode realizarse tanto na páxina web www.carreirasgalegas.com como de xeito presencial, no establecemento Deportes Amesport, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.