- Tematica
Ames acolle o próximo domingo, 21 de decembro, no marco da programación de Nadal, a XVIII Carreira Ciclista do Pavo. Unha proba organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, o Concello de Ames e a Escola de ciclismo Velostar, na que poderán participar tanto adultos como cativos, federados ou non federados. Todo, co obxectivo de facer unha festa do ciclismo. As inscricións para os ciclistas federados poden facerse na web da federación ata o próximo xoves 18 ou no propio día da carreira. Para as persoas non federadas, o prazo será unicamente ata o xoves 18 no correo electrónico begonaalonso@mundo-r.com ou no teléfono 677 555 748. Haberá cortes de tráfico na avenida da Maía e arredores.
A proba dará comezo ás 11.00 horas con xincanas ciclistas orientadas aos deportistas máis cativos, os cales, se o desexan, poderán participar en triciclo, favorecendo deste xeito unha máxima participación de todas as idades. Ditas xincanas estarán organizadas polo persoal da Escola de ciclismo Velostar.
A proba da categoría de adultos comezará ás 12.00 horas e seguirá un recorrido de aproximadamente 30 voltas polas inmediacións do paseo fluvial de Bertamiráns. Será un circuíto pechado entre a avenida da Maía, a rúa das Pesqueiras, a rúa Entrerríos, o camiño de Paraxó e a estrada de Lapido.
As inscricións para os/as ciclistas federados/as poden facerse na páxina web da federación (tamén o poden facer o propio día da carreira), mentres que os/as persoas non federadas teñen que enviar un correo electrónico a begonaalonso@mundo-r.com ou chamar ao número de teléfono 677 555 748. En ambos casos as inscricións poden tramitarse ata o xoves 18 de decembro.
Homenaxe a Delio Fernández e Samuel Blanco
Durante a xornada, farase unha homenaxe aos ciclistas galegos Delio Fernández e Samuel Blanco, xa retirados do ciclismo profesional. Ambos compartiron equipo no Sporting-Tavira portugués, conxunto que compite na categoría continental da Unión Ciclista Internacional (UCI).
O moañés Delio Fernández debutou como profesional no ano 2008 e ten no seu haber catro etapas da Volta a Portugal en 2013, 2015 e 2023, así como un terceiro posto na clasificación xeral desta competición en 2014. Entre outras moitas carreiras, destaca a súa participación na Vuelta a España no ano 2010.
Pola súa banda, Samuel Blanco naceu en Chapela e comezou a súa carreira no Autronic-CC Vigués no ano 2013 e destacan as súas primeiras posicións tanto no Campionato Galego de fondo en estrada no ano 2016 e no Campionato Galego contra o reloxo no 2019. Blanco tamén obtivo a prata na Volta a Zamora do ano 2020.
Cortes de tráfico
Por mor da carreira, as rúas do circuíto estarán cortadas ao tráfico dende as 11.45 ata ás 13.30 horas, coas correspondentes afectacións ao desenvolvemento normal do transporte público. Dende o Concello, recomendan evitar as vías afectadas e utilizar a AG-56 e desvíos alternativos, así como ter en conta o uso dos garaxes afectados durante este horario.






