Actualidade
[13-11-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación por procedemento aberto da operación a longo prazo por importe de 222.895,50 euros para o financiamento do Anexo de investimentos do Plan Impulsa Ames da DUSI no Orzamento de 2018. Todas estas actuacións, incluídas no Orzamento de 2018, teñen un presuposto de 1.114.477,50 euros, dos cales o 80% son sufragados con fondos europeos, 891.582 euros, mentres que o 20% restante é sufragado polo Concello de Ames, 222.895,50 euros, que son os que se solicitan a través desta operación bancaria.
[13-11-2018] A oficina municipal de información xuvenil (OMIX) organiza para os meses de novembro e decembro un curso de dinamización de eventos infantís e o ciclo formativo “Máis que 2.0”. Este ciclo está composto por un curso de marca persoal e outro de marketing dixital, ambos destinados a maiores de 16 anos. Para participar en calquera dos tres cursos é necesario enviar a ficha de inscrición cuberta e unha fotocopia do DNI ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal antes do 13 de novembro.
[12-11-2018] Ames Radio fai pública a súa programación da semana do 12 ao 18 de novembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a programación completa.
[12-11-2018] Unha representación da Corporación municipal de Ames mantivo esta mañá unha xuntanza en Madrid co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero Lizano. A reunión serviu para dar traslado da situación actual da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e estudar a posibilidade de desenvolver medidas a curto prazo para paliar o elevado tránsito de vehículos pola avenida Rosalía de Castro. Neste senso, estudarase a posibilidade de limitar tamén o paso polo centro urbano de vehículos pesados de menos de 30 toneladas, ademais de instalar unha serie de paneis informativos que indiquen o tempo de percorrido tanto pola N-550 como por vías alternativas, o que se prevé disuada aos condutores do seu paso polo centro do Milladoiro.
[12-11-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto simplificado, das obras de reposición de beirarrúas na rúa Alcalde Lorenzo e de repavimentación da glorieta do Pedregal, en Bertamiráns. O importe do contrato é dun total de 110.217,40 euros, IVE incluído. Estas actuacións están incluídas no Plan Complementario do POS+ 2018, adicional 1/2018.
[12-11-2018] A Concellaría de Educación e Cultura ten programados para este mes de novembro unha serie de contacontos, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns, e nos centros sociais de Bugallido e Augapesada. Ao longo deste mes, haberá dúas sesións en cada bibilioteca, e unha nos locais sociais, dirixidas especialmente a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta.
[10-11-2018] Tralo éxito acadado na décima edición do programa InserAmes Brión, a piques de rematar, cunha porcentaxe de inserción laboral do 64,7% das persoas participantes, os Concellos de Ames e Brión porán en marcha un novo plan que comezará nas próximas semanas e rematará o 30 de outubro do 2019. O novo programa integrado de emprego “InserAmes Brión XI”, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros, e que conta cunha achega de 45.613,20 euros dos Concellos de Ames e Brión, está dirixido a 100 mozas e mozos, desempregados e menores de 30 anos, dos dous municipios.
[10-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. As actividades de dito programa proseguen a próxima semana coa realización de dous novos talleres, que abordarán como vender un produto ou servizo a través de Internet e as obrigacións e trámites que xera un negocio na rede. Este nova edición do programa está formada por 10 talleres, dos que quedan por impartir seis obradoiros no que resta de novembro.
[10-11-2018] Unha representación da Corporación municipal terá este luns, 12 de novembro, unha xuntanza en Madrid co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero Lizano. En representación do Concello de Ames acudirán o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, o voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costas, e mailo concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo. Nesta reunión volveranse a solicitar medidas a curto prazo, para minorar a densidade do tráfico que circula pola N-550 ao seu paso polo Milladoiro, e actuacións de cara ao futuro para humanizar a avenida de Rosalía de Castro.
A primeira tenente e alcaldesa en funcións, Genma Otero, e mailo concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo da Cámara municipal de Tarrafal, Daniel David Soares, asinaron esta semana un acordo de colaboración para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos concellos. En dita sinatura tamén participou a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo. Deste xeito, o técnico municipal de Deportes estará 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Este convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.
- ‹ anterior
- 18 de 793
- seguinte ›




