[10-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. As actividades de dito programa proseguen a próxima semana coa realización de dous novos talleres, que abordarán como vender un produto ou servizo a través de Internet e as obrigacións e trámites que xera un negocio na rede. Este nova edición do programa está formada por 10 talleres, dos que quedan por impartir seis obradoiros no que resta de novembro.

As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poden acceder durante o que queda de ano ao programa Vives Emprende, unha iniciativa gratuíta que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio.
Así, ao abeiro desta iniciativa, a finais de outubro e comezos de novembro realizáronse catro talleres, que xiraron arredor dos conceptos de negocio e marketing, o marketing mix e as competencias emprendedoras. Despois deste comezo, o programa prosegue durante a semana do 12 de novembro con dous novos talleres. O primeiro, que se impartirá o martes 13, denominase a miña empresa na Internet: RRSS e comercio electrónico, e nel aprenderase a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento. O 14 de novembro, por outra banda, abordaranse as formas xurídicas, a nova lei de protección de datos e os aspectos tanto fiscais como laborais básicos para poñer en marcha un negocio.
O programa continuará ata a última semana de novembro con outros catro obradoiros. Así, o martes 20 de novembro, impartirase un taller sobre as claves e técnicas de negociación, polo que se explicará en que consiste a negociación, así como as habilidades e estratexias necesarias para ter éxito neste ámbito. Ao día seguinte, 21 de novembro, falarase sobre o pricing ou estratexia para a fixación de prezos. Os dous últimos obradoiros deste ciclo, que se realizarán os días 27 e 28 de novembro, xirarán en torno á creación dun plan de empresa adaptado á solicitude de subvencións e financiamento e á presentación do proxecto.
Estes talleres teórico/prácticos son impartidos nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Celebran dos nuevos talleres del Vives Emprende"




