Pestanas principais

Apróbase a operación de financiamento do Plan "Impulsa Ames" da DUSI por importe de 222.895 euros

Martes, 13 de novembro de 2018

[13-11-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación por procedemento aberto da operación a longo prazo por importe de 222.895,50 euros para o financiamento do Anexo de investimentos do Plan Impulsa Ames da DUSI no Orzamento de 2018. Todas estas actuacións, incluídas no Orzamento de 2018, teñen un presuposto de 1.114.477,50 euros, dos cales o 80% son sufragados con fondos europeos, 891.582 euros, mentres que o 20% restante é sufragado polo Concello de Ames, 222.895,50 euros, que son os que se solicitan a través desta operación bancaria.

O obxecto deste prego é regular a contratación dunha operación de préstamo a longo prazo por importe de 222.895,50 €, que terá o carácter de financiamento afectado aos investimentos previstos no Anexo de Investimentos dos Orzamentos do Concello de Ames para o exercicio 2018. O concello poderá modificar as actuacións concretas ás que se destinan os fondos, previo acordo do Pleno da Corporación. As actuacións sempre estarán vinculadas ao plan Impulsa Ames, financiado a través da segunda convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI), cofinanciada polo programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020, sen que elo supoña modificación contractual algunha.

O Concello levará a cabo 17 actuacións con cargo a este plan. As actuacións que se executarán con cargo a dito importe durante o presente ano son: os estudios previos dos sendeiros escolares e para a creación dunha améndoa central que vertebre o núcleo urbano de Bertamiráns; actuacións de mellora da accesibilidade; elaboración do proxecto e creación dunha zona verde no centro urbano do Milladoiro; a renovación da iluminación pública e substitución de luminarias por outras de baixo consumo en Bertamiráns; elaboración do Plan de mobilidade; a implantación de procedementos da e-administración; a posta en marcha do programa piloto de e-servizos; a instalación de radioenlaces interconectandos cos aneles de fibra óptica de Ames; a instalación de dispositivos de sensorización presencial en farois, en equipamentos socioculturais, deportivos e outras instalacións municipais para control de intensidade lumínica; a posta en marcha dun sistema municipal de Apps para móbil (turismo, comercio local e transporte municipal); o deseño dunha axenda dixital; elaboración dunha auditoría enerxética; apagado e acendido automático de distintas áreas dos edificios municipais; a instalación dun sistema térmico nos edificios municipais; xestión da temperatura dos edificios; e elaboración do proxecto de construción do centro xove.

Todas estas actuacións, incluídas no Orzamento de 2018, teñen un presuposto de 1.114.477,50 euros, dos cales o 80% son financiados con fondos europeos, 891.582 euros, mentres que o 20% restante é sufragado polo Concello de Ames, 222.895,50 euros. Algunhas delas xa están rematadas, como son a auditoría enerxética ou a axenda dixital, e outras están na actualidade en proceso de licitación ou en presentación de ofertas.

A operación a contratar, por un prazo de 11 anos (10 de amortización e ata 1 de carencia) figura incluída nos orzamentos 2018, aprobado inicialmente en pleno celebrado o 26 de abril de 2018. Asemade, dita operación non precisa de autorización por ter o Concello un aforro neto positivo na liquidación do 2017 por importe de 1.721.398,66 € e unha débeda viva moi inferior ao 75% dos recursos liquidados por operacións correntes atopándose o Concello cunha cifra de débeda bancaria de 0 euros.

O goberno municipal da así un paso necesario para levar a cabo os proxectos incluídos no Plan Impulsa Ames e no que se xestionarán 6.250.000€ acadados en 2017 coa subvención Europea DUSI. Desde o Goberno informan que as actuacións levadas a cabo ao longo do presente ano permitirán a transformación dos núcleos urbanos e ao longo do anos 2019-2021 incrementarase a contía de investimento que serán cofinanciados desde o Concello a través de operacións bancarias.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames planea senderos escolares y Bertamiráns tendrá su zona peatonal "