Pestanas principais

A programación de contacontos continúa en novembro con novas sesións

Luns, 12 de novembro de 2018

[12-11-2018] A Concellaría de Educación e Cultura ten programados para este mes de novembro unha serie de contacontos, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns, e nos centros sociais de Bugallido e Augapesada. Ao longo deste mes, haberá dúas sesións en cada bibilioteca, e unha nos locais sociais, dirixidas especialmente a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta.

O gusto pola lectura é un hábito que se establece dende cativos. Con este obxectivo, e mediante as sesións de contacontos que dende fai varios anos se veñen realizando nas bibliotecas municipais e nos locais sociais de Ames, a Concellaría de Educación e Cultura busca animar as e aos máis pequenos da casa a encontrar o encanto que se atopa nos libros.

Así, continuando co programa de contacontos deseñado para o último trimestre do ano, ao longo de novembro haberá catro sesións de contos nas bibliotecas do concello, que se dividirán nunha sesión no local social de Augapesada, outra no de Bugallido, dúas sesións no Milladoiro e dúas en Bertamiráns. A primeira delas celebrarase o mércores 14 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 15 na do Milladoiro, baixo o título Comemos ou contamos?.

Uns días despois, será a quenda dos locais sociais, onde se narrará o conto A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani. Así, o luns 19 ás 18.00h terá lugar no local social de Augapesada, mentres que o martes 20 será no de Bugallido. Ambas sesións serán as 18.00h.

Por outra banda, o mércores 28 realizarase na do Milladoiro o contacontos Contos xeitOSOS, mentres que na de Bertamiráns contarase este mesmo conto ao día seguinte, 29 de novembro. Todas as sesións de contacontos das bibliotecas comezan ás 17.30 horas.

Estas sesións de contos abordarán ao longo deste curso diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Deste xeito, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, o que estas sesións procuran é promover a educación igualitaria e en valores, fortalecer o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecer ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Continúan os contacontos con novas sesións en novembro"