Actualidade
[09-11-2018] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle o luns, 12 de novembro, unha nova sesión de Espazos para Reflexionar, que nesta ocasión xirará sobre a educación en positivo e a educación emocional. Nesta ocasión, a charla será conducida por Ramiro Gómez, representante da Asemblea de Cooperación pola Paz. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.
[09-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, presentou esta mañá a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Por terceiro ano consecutivo ofréceselle aos veciños e veciñas a posibilidade de acollerse ao plan de plantación de frondosas caducifolias. Deste xeito, nesta terceira fase, o Concello podería chegar a plantar ata 4.000 árbores nunha superficie aproximada de 12 hectáreas, dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa. Durante o período do outono/inverno 2018-2019 actuarase nos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela).
[08-11-2018] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, crea o Premio Lingua e Empresa co obxectivo de recoñecer de forma pública o uso e fomento do galego na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 30 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. Para propoñer a unha empresa para este premio haberá que entregar, ben de forma presencial ou telemática, a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova.
[08-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, informa que ten organizado un operativo especial debido á declaración de alerta por temporal de vento e choiva. Dito operativo comeza a funcionar este xoves, 8 de novembro, a partir da tarde, e prolongarase durante toda a xornada do 9 de novembro. Para informar de calquera incidencia que haxa pódese chamar ao 112.
[08-11-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o decreto polo que se aproba a lista definitiva de admitidos e excluídos do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de mestres/as de saxofón para a Escola Municipal de Música do Concello de Ames. A constitución do tribunal e a fase de baremación terá lugar o día 13 de novembro de 2018. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito decreto.
[08-11-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio co resultado da baremación e fixación de datas do exame de oposición do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de mestres/as de frauta para a Escola Municipal de Música do Concello de Ames (EMMA). Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito anuncio.
[08-11-2018] O Concello de Ames participa, por terceiro ano consecutivo, na campaña En negro contra as violencias, que busca poñer na axenda pública a loita para rematar con todos os tipos de violencia de xénero en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se celebra o vindeiro domingo, 25 de novembro. Así, a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade ten programadas varias accións ao abeiro da campaña Ames en Negro, co obxectivo de concienciar sobre esta realidade, e convidar a toda a veciñanza amesá a que se una para mostrar a súa repulsa á violencia machista.
[08-11-2018] Este venres, 9 de novembro, ás 21.00h, o grupo de teatro afeccionado Sen Cancelas Teatro chega á Casa da Cultura de Bertamiráns coa súa obra “2010”. A peza, que foi estreada o 20 de outubro, parte dun acontecemento real ocorrido en abril dese ano, no que sete personaxes descoñecidas entre si se ven envoltas nunha situación límite que sacará o mellor e o peor de cada unha delas. As entradas para asistir á representación serán de balde, e estarán dispoñibles ata completar aforo.
[08-11-2018] O Concello de Ames, en colaboración coa empresa galega Movelco: solucións de mobilidade eléctrica ecolóxica, acaba de instalar dous puntos de recarga para coches eléctricos no municipio amesá, un na praza do Concello, en Bertamiráns, e outro no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. A iniciativa do goberno municipal aposta por impulsar o uso do vehículo eléctrico, tanto por parte da propia administración como da cidadanía.
[08-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Nadal Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro, en horario de 7:30h a 16:00 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 16 de novembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude e as bases dos lúdicos.
- ‹ anterior
- 19 de 793
- seguinte ›




