[10-11-2018] Unha representación da Corporación municipal terá este luns, 12 de novembro, unha xuntanza en Madrid co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero Lizano. En representación do Concello de Ames acudirán o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, o voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costas, e mailo concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo. Nesta reunión volveranse a solicitar medidas a curto prazo, para minorar a densidade do tráfico que circula pola N-550 ao seu paso polo Milladoiro, e actuacións de cara ao futuro para humanizar a avenida de Rosalía de Castro.
Por segunda vez este ano unha representación da Corporación municipal do Concello de Ames asistirá a unha xuntanza, en Madrid, co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento. No pasado mes de marzo xa se mantivo un primeiro encontro co anterior director xeral. Agora, tratarase de avanzar no desvío dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 (á altura da gasolinera), cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550.
Neste senso o Concello de Ames recibiu no pasado mes de outubro unha notificación da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia na que se reflicte que limitará o paso de ditos vehículos pesados pola avenida de Rosalía de Castro. Esta mediada permitirá desviar o tránsito de entre 250 e 300 vehículos pesados de máis de 30 toneladas que pasan diariamente polo tramo urbano do Milladoiro. O Ministerio de Fomento elaborou un estudo técnico para modificar a sinalización existente. Dito informe foi enviado aos concellos de Ames e Teo para o seu coñecemento.
Para levar a cabo este desvío non sería necesario asinar ningún convenio co Ministerio de Fomento, e o desvío comezaría a realizarse unha vez estivese colocada a nova sinalización.
Por outra banda, abordarase a posible colación de paneis informativos para disuadir aos condutores do seu paso polo medio do Milladoiro. Trataríase de colocar un panel na zona da Rocha e nas Galanas, en ambos casos antes de entrar no Milladoiro, para informar dos tempos de paso dos vehículos pola autoestrada AG-56 e polo centro de Milladoiro. Deste xeito, reduciríase de xeito salientable o tráfico que discorre pola avenida de Rosalía de Castro, e de cara ao futuro, permitiría reducir a dous carrís de circulación dita avenida coa consecuente humanización desta rúa do Milladoiro.
Tamén se lle solicitará ao Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento que se inclúa unha partida nos Orzamentos Xerais do Estado para facer o estudo da variante do Milladoiro. Por último, pedirán que, na medida do posible, se execute o proxecto que recolle a construción dunha glorieta de dobre altura na rotonda de entrada ao Milladoiro (dende Santiago de Compostela), para solucionar os problemas de tráfico e posibilitar a desviación directa do tráfico rodado cara o polígono industrial Novo Milladoiro sen ter que chegar a dita rotonda.
Reunión coa Xunta de Galicia
Cómpre lembrar que o pasado 26 de xuño o alcalde de Ames, xunto a un dos representantes da Plataforma veciñal da N550, un dos concelleiros do PP de Ames, e o voceiro de Ames Novo, foron recibidos polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, na Delegación Territorial da Coruña. En dito encontro trasladouse a vontade da Xunta de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar dende o Ministerio de Fomento e mailo Concello. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda transmitiulle ao Ministerio o pasado 28 de maio, que está disposta a asumir a repercusión que sobre a rede autonómica teñan as demandas da Plataforma.
Por último, hai que lembrar que nas vindeiras semanas executaranse as obras do proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. A través deste plan vanse a instalar dous semáforos e un paso de peóns adaptado, que parta da rúa Viorneira e atravese a avenida de Rosalía de Castro. Deste xeito, búscase mellorar a seguridade na N-550 e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores preténdese habilitar un novo cruce e conectar os dous lados da avenida Rosalía de Castro, á altura da rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial. Esta actuación será realizada con fondos propios municipais e ten un custo de 32.192 euros.
Contido relacionado

Lindeiros: "Ames reúnese co Director Xeral de Estradas para falar da N-550"
Compostela 24 horas: "Fomento reúnese hoxe co concello de Ames para avanzar na reducción de tráfico na N-550 no Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames retoma las negociaciones con Fomento para solucionar el colapso viario de la N-550"
El Correo Gallego: "Ames y Fomento analizan hoy el denso tráfico en la N-550 "




