[12-11-2018] Unha representación da Corporación municipal de Ames mantivo esta mañá unha xuntanza en Madrid co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero Lizano. A reunión serviu para dar traslado da situación actual da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e estudar a posibilidade de desenvolver medidas a curto prazo para paliar o elevado tránsito de vehículos pola avenida Rosalía de Castro. Neste senso, estudarase a posibilidade de limitar tamén o paso polo centro urbano de vehículos pesados de menos de 30 toneladas, ademais de instalar unha serie de paneis informativos que indiquen o tempo de percorrido tanto pola N-550 como por vías alternativas, o que se prevé disuada aos condutores do seu paso polo centro do Milladoiro.
Por segunda vez este ano, unha representación da Corporación municipal do Concello de Ames asistiu a unha xuntanza en Madrid co Director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento. A esta reunión asistiron o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e mailo concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, coa ausencia do voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costas, por motivos persoais.
Durante a mañá, avanzouse na medida adoptada o pasado mes de outubro pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, na que se acordou desviar o tránsito de vehículos de máis de 30 toneladas polo tramo urbano do Milladoiro. Así, a representación municipal trasladou a posibilidade de limitar tamén o paso polo centro urbano de vehículos pesados con MMA inferior a 30 toneladas, que se desviarían dende a SC-20 (á altura da gasolinera), cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Dende o Ministerio de Fomento amosáronse receptivos a esta solicitude, co compromiso de estudar a súa viabilidade.
Asemade, na xuntanza tamén se falou da posibilidade de instalar unha serie de paneis indicadores na zona da Rocha e nas Galanas, en ambos casos antes de entrar no Milladoiro, para informar dos tempos de paso dos vehículos pola autovía AG-56 e polo centro de Milladoiro. Deste xeito, reduciríase de xeito salientable o tráfico que discorre pola avenida de Rosalía de Castro, e de cara ao futuro, permitiría reducir a dous carrís de circulación dita avenida coa consecuente humanización desta rúa do Milladoiro. Neste senso tamén se abordou a posibilidade de construír unha rotonda a dobre altura ó lado da gasolineira da Rocha, o que tamén solucionaría os problemas de tráfico derivados do polígono industrial Novo Milladoiro, e os accesos desde Travesía do Porto e Muíño Vello
Pola súa banda, a corporación municipal trasladou a necesidade de elaborar un estudo de posibilidades e solucións no que non se descarte ningunha medida que poida mellorar a situación e axude a humanizar a zona. Asemade, tendo en conta que moitas das medidas necesarias deberían tomarse no límite municipal de Santiago e en zona pertencente ao Concello de Teo, propúxose a creación dunha comisión de seguimento formada por representantes municipais e de Fomento. A creación deste grupo ten como obxectivo realizar un seguimento constante do avance das medidas a través de reunións periódicas, co fin de humanizar a rúa Rosalía de Castro que asegurar o avance das medidas.
O representante de Fomento tamén se comprometeu a trasladar este mesmo tema na reunión que manterá mañá co Delegado de Estradas en Galicia, e seguir estudando a situación para continuar planificando posibles solucións a curto prazo.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, agradeceu que “xa se tomase unha medida, que supón a primeira disposición que se toma en canto á N-550 no seu paso polo Milladoiro nos últimos anos, se ben confiamos en que non se quede nun feito illado e se leven a cabo máis. Temos confianza de que a xuntanza de hoxe sexa positiva e teña repercusión para poder humanizar a rúa Rosalía de Castro”. Ademais, trasladoulle a Javier Herrero a necesidade de que a situación se resolva o antes posible, posto que concellos máis pequenos con unha problemática menor xa se tomaron medidas neste sentido, como son os municipios de Padrón, Caldas de Reis ou Ordes.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames quiere ampliar la restricción de tráfico pesado por la N-550 en O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Fomento estudia desviar a todo camión del centro de Milladoiro"
Lindeiros: "Ames reúnese co Director Xeral de Estradas para falar da N-550"




