Actualidade
[21-11-2018] Cancélase a sesión “Falemos de Saúde” programada para esta semana. A sesión, que nesta ocasión estaba previsto que xirase en torno ás dores musculares, íbase celebrar no local JUPEMI do Milladoiro ás 17.00h.
[20-11-2018] Baseada no libro homónimo de Montse Fajardo, a peza teatral Invisibles chega á Casa da Cultura do Milladoiro para presentar ante o público unha serie de historias reais de mulleres galegas, unidas pola crueldade da violencia de xénero. A obra, dirixida por Marián Bañobre, está interpretada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez. As entradas para asistir ao espectáculo, que terá lugar este venres, 23 de novembro, ás 21.00h, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica, cun prezo de cinco euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos e estudantes con carné.
[20-11-2018] A empresa amesá de tecnoloxía, Tecalis Innovación, que ten a súa sede no polígono Novo Milladoiro, impartirá este sábado, 24 de novembro, un dos actos da axenda oficial da Mobile Week, que coordinan os organizadores de Mobile World Congress. Por primeira vez a Mobile Week celebrase fóra de Barcelona, e será na cidade da Coruña, do 21 ao 28 de novembro. Este taller práctico terá como obxectivo explicar aos cidadáns interesados en Blockchain o que é esta tecnoloxía, os seus fundamentos e nocións básicas así como comprar e xestionar criptomonedas desde os seus dispositivos móbiles de forma sinxela. Dito obradoiro ten un aforo de 30 persoas, pero se se rexistra máis xente, poderase repetir ao longo da xornada do sábado.
[20-11-2018] A semana pasada o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e maila concelleira de Mobilidade de Teo, Conchi García, participaron nunha reunión en Santiago co Subdirector Xeral de Planificación, Héctor Presas. A finalidade deste encontro foi avanzar na proposta da liña circular Ames-Teo-Santiago feita no pasado mes de marzo. Dende a Xunta de Galicia declararon a súa intención de incluír esta nova liña no proceso de licitación das novas liñas de transporte metropolitano, encadradas no mapa concesional do Transporte Metropolitano Galego.
[19-11-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o decreto de aprobación da lista definitiva de admitidos e excluídos do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de administrativos/as do Concello de Ames. Fíxase como data de constitución do Tribunal e de inicio da fase de baremación o vindeiro 27 de novembro de 2018. . Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito decreto.
[19-11-2018] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle os mércores 21 e 28 deste mes de novembro dúas novas sesións de Espazos para Reflexionar. No encontro do mércores 21 falarase sobre como traballar a autonomía dos e das nenas/os de 0 a 6 anos, mentres que o próximo mércores 28, a charla centrarase en como falar da sexualidade con adolescentes. Ambas sesións serán conducidas por Yolanda Gómez Bombín, pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.
[19-11-2018] A segunda edición do festival internacional de cine infantil Cinema Crianza celebrouse esta fin de semana no Concello de Ames. Durante tres días, as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns enchéronse de curtametraxes que reivindicaron o audiovisual como ferramenta pedagóxica e de exploración do mundo para as crianzas. O xurado do festival estivo conformado polo director xeral da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño, a directora e realizadora Sandra Sánchez, e a guionista Sara Gómez Iglesias. Así, na categoría “Axóuxeres”, a gañadora foi a curta xaponesa “Good Night”, que acadou tanto o premio do xurado como o do público, mentres que a curta chilena “Petit, quiero ser grande” acadou a mención especial. No tocante á categoría “Buxainas”, o premio do xurado recaeu na curtametraxe hindú “Rammat-Gammat” mentres que o do público foi para a exipcia “Fhedi”. A mención especial recaeu na iraní “Narge´s voice”.
[19-11-2018] Os participantes da oitava edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames adicaron a pasada semana á gravación das súas pezas. Un total de 25 grupos de alumnos/as dos IES do Milladoiro e de Bertamiráns pasaron pola radio municipal para locutar as súas pezas, de entre 3 e 5 minutos de duración. A emisión das locucións realizarase en Ames Radio, na frecuencia modulada 107.2, entre o 26 de novembro e o 3 de decembro, de luns a venres en horario de 13:30h a 14:30h e de 22:00 a 23:00h.
[17-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. As actividades de dito programa proseguen a próxima semana coa realización de dous novos talleres, que xirarán arredor do perfeccionamento da negociación a través dunha serie de claves e técnicas, e do pricing e as estratexias para fixar prezos. Este nova edición do programa está formada por 10 talleres, dos que quedan por impartir catro obradoiros no que resta de novembro.
[17-11-2018] No pasado mes de outubro comezou un novo curso das Escolas deportivas municipais con récord de inscritos superando os 2.700 dos que 2.017 acadaron praza nalgunha das 20 actividades ofertadas. O número total de usuarios/as en lista de agarda será de 657, sendo as actividades de nova creación, Ioga e GAP, xunto co Pilates, as actividades mais demandadas. Moitos/as destes/as usuarios fóronse dando de alta ao longo do pasado mes despois de que quedasen algúns prazas baleiras en diferentes grupos. Para este curso ofértanse un total de 2.423 prazas. Este ano destaca a inclusión de catro novas actividades como son o squash (dentro do apartado de Formación deportiva) e as clases de adestramento funcional; ioga e GAP (hipoprensivos) – Aerocombat (dentro do programa de Ponte en forma). Asemade, as clases xa están sendo impartidas nos novos anexos que se executaron nos pavillóns polideportivos do Milladoiro e Bertamiráns.
- ‹ anterior
- 15 de 793
- seguinte ›




