Pestanas principais

Arrinca un novo curso da Escolas deportivas municipais con case 2.500 usuarios/as e novas instalacións

Sábado, 17 de novembro de 2018

[17-11-2018] No pasado mes de outubro comezou un novo curso das Escolas deportivas municipais con récord de inscritos superando os 2.700 dos que 2.017 acadaron praza nalgunha das 20 actividades ofertadas. O número total de usuarios/as en lista de agarda será de 657, sendo as actividades de nova creación, Ioga e GAP, xunto co Pilates, as actividades mais demandadas. Moitos/as destes/as usuarios fóronse dando de alta ao longo do pasado mes despois de que quedasen algúns prazas baleiras en diferentes grupos. Para este curso ofértanse un total de 2.423 prazas. Este ano destaca a inclusión de catro novas actividades como son o squash (dentro do apartado de Formación deportiva) e as clases de adestramento funcional; ioga e GAP (hipoprensivos) – Aerocombat (dentro do programa de Ponte en forma). Asemade, as clases xa están sendo impartidas nos novos anexos que se executaron nos pavillóns polideportivos do Milladoiro e Bertamiráns.


Incremento de actividades desde o 2015
O incremento de actividades que se vén facendo de xeito continuo desde o ano 2016, súmase á posibilidade da práctica de "Ponte en Forma" para a xuventude amesá de máis de 14 anos e que se mantén neste novo curso, buscando actividades que teñen maior tirón entre a rapazada, tales como o GAP ou o adestramento funcional.

Varias destas disciplinas son impartidas por clubs amesáns. Así, as o xadrez é impartido polo club Millarengo, patinaxe no Milladoiro polo club Omega, fútbol sala feminino polo Meigas F.C., baloncesto polo club Básquet de Ames, patinaxe en Bertamiráns e Barouta polo club Sarela, voleibol polo CV Bruxas e fútbol sala masculino polo Bertamiráns F.C. e polo Milladoiro S.D. Do mesmo xeito este será o último ano en que se presten así ditas actividades, xa que tal e como se informou no Consello de Deportes, coa entrada da nova Lei de contratos o Concello licitará independentemente estas actividades para unha oferta aberta.

Este incremento de oferta deportiva vai ligado ao programa de goberno de fomento da actividade física e á aposta polo deporte como camiño para lograr unha vida saudable. No ano 2014-2015 o número total de usuarios era próximo a 1.800 cunha oferta de 16 disciplinas. Tres anos despois a cifra increméntase ata os 2.417 actuais, 617 novas prazas o que supón un incremento do 35%.

Novas instalacións deportivas
Este ano o Concello conta con novas instalacións para o desenvolvemento de ditas actividades e a mellora de varias das que se viñan utilizando. Así, construíuse un anexo ao pavillón de Bertamiráns que conta cun novo ximnasio e unha pista de squash cuberta e onde se desenvolverán actividades de Judo, predeporte, gap, ximnasia, adestramento funcional e aerozumba, ademais do squash. No Milladoiro, tamén se conta cunha nova sala-ximnasio anexa ao pavillón onde o Ioga, pilates, predeporte, gap e adestramento funcional realizan a súa actividade. Ademais, o novo firme dos pavillóns de Bertamiráns e Milladoiro completa parte da renovación das instalacións municipais.

Cómpre destacar que no anexo ao pavillón de Milladoiro acaba de rematarse o pintado dun mural de 20x7 metros de temática deportiva con Pulpo xigante "Octopus" xuxetando diferentes complementos deportivos nos seus 8 tentáculos. O mural foi realizado por Vella escola e forma parte da programación do Goberno de revitalización e recuperación de espazos municipais.

Estes novos espazos permiten por un lado incrementar o número de persoas daquelas actividades que por falta de espazo non podían incrementarse, e por outro, tamén permiten incrementar as modalidades deportivas para albergar, tanto as novas como as anteriores actividades que se estaban a desenvolver en espazos menos adaptados para a práctica deportiva.


As Escolas deportivas municipais seguen a medrar en número de inscricións. Para o curso 2018-2019 rexistráronse un total de 2.715 solicitudes, das cales 2.017 obtiveron praza en primeira instancia e 657 persoas quedaron na lista de agarda e que durante o último mes foi reducíndose. Na actualidade quedan tan só 200 prazas libres, 56 nas actividades que se imparten nas instalacións do Milladoiro e 144 nas actividades que se imparten nas instalacións de Bertamiráns, nos CEIP Agro do Muíño e de Barouta e nos locais sociais de Agrón, Aldea Nova, Biduído e Tapia.

A oferta deste curso 2018-2019 inclúe 20 actividades diferentes; 13 encadradas no programa de Formación Deportiva e 7 no apartado de Ponte en Forma. Este ano destaca a inclusión de catro novas actividades como son o squash (dentro do apartado de Formación deportiva) e as clases de Adestramento funcional; Ioga e GAP (hipoprensivos) – Aerocombat (dentro do programa de Ponte en forma).

Por primeira vez, tanto nenos/as como adultos poden asistir a clases de squash grazas a pista que se construíu no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Trátase da primeira pista municipal onde se pode practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash e dos logros do xogador local recente campión de Europa por segunda vez nos últimos anos.

Deste xeito, o goberno municipal reparte de xeito equitativo todas as actividades deportivas a excepción do squash, que tan só pode desenvolverse en Bertamiráns, e o spinning que se practica en exclusividade no Milladoiro, repartindo así diferentes especialidades entre os dous núcleos urbanos.

O programa de Formación Deportiva comprende as seguintes actividades: ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala masculino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, xadrez, ximnasia rítmica e squash. Pola súa banda, dentro do apartado de Ponte en Forma pódense encontrar as actividades de adestramento funcional, aerozumba, ioga, GAP (hipoprensivos) – Aerocombat, pilates, spinning, abdominais e glúteos, así como ximnasia de mantemento. A actividade con maior número de inscritos continúa a ser o Pilates, con 318 usuarios/as e prácticamente todos os grupos cheos. Na modalidade de formación deportiva o Patinaxe aglutina o maior número de nenos/as con mais de 280 anotados. Prácticamente todas as actividades presentan todas as prazas cubertas e as de nova creación como ioga ou gap teñen as listas de agarda. Finalmente, este ano ampliouse o horario de dúas modalidades, por un lado o grupo 0 de patinaxe no Milladoiro que tan só tiñe asignada 1 hora semanal, e o tenis, que pasará a impartirse dous días á semana por primeira vez e mantendo o mesmo prezo.