Pestanas principais

A empresa amesá Tecalis impartirá este sábado, 24 de novembro, un taller gratuíto da Mobile Week sobre tecnoloxía blockchain & Bitcoin

Martes, 20 de novembro de 2018

[20-11-2018] A empresa amesá de tecnoloxía, Tecalis Innovación, que ten a súa sede no polígono Novo Milladoiro, impartirá este sábado, 24 de novembro, un dos actos da axenda oficial da Mobile Week, que coordinan os organizadores de Mobile World Congress. Por primeira vez a Mobile Week celebrase fóra de Barcelona, e será na cidade da Coruña, do 21 ao 28 de novembro. Este taller práctico terá como obxectivo explicar aos cidadáns interesados en Blockchain o que é esta tecnoloxía, os seus fundamentos e nocións básicas así como comprar e xestionar criptomonedas desde os seus dispositivos móbiles de forma sinxela. Dito obradoiro ten un aforo de 30 persoas, pero se se rexistra máis xente, poderase repetir ao longo da xornada do sábado.

A empresa tecnolóxica amesá Tecalis, especializada en Consultoría Dixital e industria 4.0 ofrecerá o vindeiro sábado, 24 de novembro, un taller gratuíto: Blockchain & Bitcoin para novatos para todos aqueles cidadáns interesados nesta tecnoloxía e nas criptomonedas, nas súas oficinas situadas no parque empresarial Novo Milladoiro. Este taller será impartido por Alberto Campos, Director de Operacións da empresa e experto en tecnoloxía blockchain. Ademais, todos os participantes poderán coñecer posteriormente as instalacións da empresa, recoñecidas pola súa Workplace Innovation e Espazo Well debido ao seu espazo de traballo acolledor e que fomenta a creatividade empresarial.

É imprescindible acudir co teléfono móbil, para axudar aos asistentes para instalar a carteira virtual (wallet) nos seus dispositivos, e poder realizar transaccións reais. Todos aqueles que estean interesados en asistir poden apuntarse no apartado de eventos da web https://www.mobileweekcoruna.com/es/evento/853/taller-blockchain-bitcoin-para-novatos/

Este obradoiro enmárcase dentro da axenda oficial de actos da Mobile Week, que coordinan os organizadores de Mobile World Congress. Por primeira vez a Mobile Week celebrase fóra de Barcelona, e será na cidade da Coruña, do 21 ao 28 de novembro. Mobile Week Coruña replica este modelo de éxito, un evento global a pé de rúa, que busca achegar a tecnoloxía á cidadanía, que contou con máis de 20.000 persoas participantes na súa última edición. Esta primeira convocatoria de Mobile Week Coruña está organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona (involucrada na organización de Mobile World Congress), xunto co Club Financeiro Atlántico.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “para o Concello de Ames é un orgullo que unha empresa de recoñecido prestixio a nivel internacional teña a súa sede no parque empresarial do Milladoiro, e que acolla un dos actos da axenda oficial da Mobile Week, a través do cal se pretenden achegar as novas tecnoloxía á veciñanza amesá”.

Tecalis, empresa participante na Mobile Week Coruña
A Mobile Week Coruña (MWeekCoruña) é unha iniciativa impulsada por Mobile World Capital Barcelona e desenvolta polo Club Financeiro Atlántico, onde se pretende crear un espazo aberto á reflexión sobre o impacto da transformación dixital na vida das persoas, a través de arte, ciencia e tecnoloxía.

MWeek Coruña reúne a artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria nunha iniciativa aberta para todos os cidadáns e difundida pola cidade. O futuro cotián é a temática do evento que se desenvolverá do 21 ao 28 de novembro de 2018 na Coruña co obxectivo de fomentar o debate e a participación da cidadanía en relación ao futuro cotián da sociedade actual.

Durante unha semana, A Coruña e a súa área metropolitana serán o punto de encontro no que se analizará e debaterá, desde diferentes perspectivas, o cambio tecnolóxico social actual. Mobile Week Coruña expón unha programación transversal con actividades gratuítas que abordarán os retos, os límites e as oportunidades da transformación dixital, en espazos da cidade da Coruña e de concellos limítrofes ao longo dunha semana.

Tecalis, empresa amesá de tecnoloxía
Esta empresa foi creada en 2010. Nun primeiro momento a súa sede estivo na avenida da Maía, en Bertamiráns. Tamén contan cunha delegación en Madrid, e delegacións comerciais en México DF. O proceso de expansión da compañía prevé novas delegacións e colaboracións nun breve espazo de tempo, entre elas o mercado latinoamericano e o norteamericano.

Tecalis é unha empresa amesá de tecnoloxía, dedicada ao desenvolvemento áxil a medida de solucións cloud e deseño UX, e á consultoría estratéxica dixital e proxectos tecnolóxicos especializados na transformación dixital. Entre os proxectos de Tecalis atópanse desenvolvementos de alta tecnoloxía a medida, ciberseguridad, Big Data, Blockchain, APPs, solucións totalmente adaptadas ás necesidades concretas de empresas, administracións públicas, organizacións e asociacións, en todo o territorio nacional e tamén a nivel internacional. Tecalis inviste en I+D+i e dispón de tecnoloxías patentadas a nivel europeo. Ademais dispón de acordos de colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén é un dos patróns fundadores da Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) e as Comunicacións de Galicia (FCITICG).

A compañía atópase inmersa nun período de crecemento e expansión mediante estratexias de innovación, RSE (Responsabilidade Social Empresarial) e Igualdade, co obxectivo de converterse nun referente no sector. Un dos primeiros pasos como empresa que promove a Igualdade nun sector tecnolóxico marcadamente masculino, foi a recente incorporación de Tecalis ao Clúster Tic Galicia da man dunha muller, un feito histórico no sector, así como a promoción da contratación de mulleres no seu persoal. As instalacións de Tecalis están personalizadas por deseñadores a gusto dos empregados, para que o ambiente laboral resulte agradable e adaptado ao persoal.

Contido relacionado


Lindeiros: " Tecalis impartirá este sábado un taller gratuíto sobre tecnoloxía blockchain & Bitcoin en Ames"