Actualidade

Ex., 12-11-2026
Ex., 12-11-2026
Xoves, 22 de novembro de 2018

[22-11-2018] Despois do éxito de A casa encantada de Alí, Luís Prego e Fabaloba regresan a Ames o vindeiro sábado, 24 de novembro, para poñernos ao día sobre as aventuras da súa protagonista. O conto-obradoiro Un bico para Alí, encadrado no programa Apego, constará de dúas sesións nas que unha vintena de familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos poderán participar nunha chea de xogos, contos e cancións. Para acudir é necesario inscribirse antes do 23 de novembro, mediante o envío dun correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, en que apareza o nome e idade dos participantes, un teléfono de contacto e a sesión escollida.

Xoves, 22 de novembro de 2018

[22-11-2018] O departamento de Persoal fai público o anuncio publicado no BOP da convocatoria do proceso selectivo para a selección e contratación de 2 técnicos/as de inserción/prospección de empresas para o programa InserAmes-Brión XI. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 29 de novembro. Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o anuncio publicado no BOP, o modelo de solicitude e mailo modelo de declaración xurada.

Xoves, 22 de novembro de 2018

[22-11-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o decreto polo que se modifica a composición do Tribunal que xulgará das probas do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de administrativo do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito documento.

Xoves, 22 de novembro de 2018

[22-11-2018] Ao longo do día de hoxe a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a oitava edición das Xornadas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, baixo o título “Acércate á igualdade”. A apertura institucional correu a cargo da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella. En dito acto tamén estiveron a directora e maila psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Ames. Unhas 110 persoas participaron nas mesas de debate e charlas, realizadas pola maña, mentres que nos obradoiros da tarde hai inscritas 142 persoas. Para o peche cóntase coa actuación da compañía de danza Kintsugi.

Xoves, 22 de novembro de 2018

[22-11-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio do resultado dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de mestres/as de saxofón para a Escola Municipal de Música do Concello de Ames. Establécese un prazo para a presentación de alegacións que vai ata o 23 de novembro (incluído) de 2018 . Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os devanditos anuncios.

Mércores, 21 de novembro de 2018

[21-11-2018] O Concello de Ames, mediante a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, organiza un curso de lingua de signos española para principiantes, que se impartirá entre os meses de novembro e abril. As inscricións para participar nesta actividade, que é gratuíta, poden realizarse acudindo á Oficina de Servizos Sociais do Milladoiro, ou a través dos teléfonos 981 535 941 ou 981 890 964.

Mércores, 21 de novembro de 2018

[21-11-2018] O concello de Ames continúa cos actos de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, prestándolle especial atención ás xeracións máis novas. Deste xeito, os actos centrais de mañá celebrarónse nos CEIPs A Maía, Barouta e Agro do Muíño, onde se instalaron puntos móbiles de igualdade. Asemade, convidase á veciñanza a participar no acto institucional que terá lugar na Praza do Concello de Bertamiráns o vindeiro venres, no que se lerá un manifesto e se mostrará a repulsa a calquera tipo de violencia de xénero.

Mércores, 21 de novembro de 2018

[21-11-2018] Esta mañá na visita feita á zona das Galanas, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, anuncio que a partir do vindeiro 10 de decembro iniciaranse os traballos para colocar as sinais que prohibirán a circulación de vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. Esta medida permitirá desviar uns 250 vehículos pesados ao día cara a autoestrada AG-56. A subdelegada do Goberno estivo acompañada dos alcaldes de Ames, Jose Miñones, e de Teo, Rafael Sisto. Posteriormente, a subdelegada do Goberno e o xefe da Demarcación de Estradas de Galicia, mantiveron unha xuntanza na Casa da Cultura do Milladoiro con representantes da Corporación municipal e da Plataforma veciñal da N550.

Mércores, 21 de novembro de 2018

[21-11-2018] Este xoves, 22 de novembro, celebrarase un pleno extraordinario. Previamente, os asuntos que se abordarán en dito pleno foron tratados nas comisións informativas realizadas o pasado venres. En ditas comisións abordáronse a aprobación do suplemento de crédito 3/2018, por valor de 414.610 euros, financiado con baixas por anulación; a revisión ordinaria con Urbaser correspondente ao exercicio 2018; a terceira prórroga polo prazo dun ano do contrato asinado con Urbaser SA; a aprobación do proxecto corrixido para a cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns; e o cambio de periodicidade da rendición de información trimestral ao pleno sobre o estado de execución do Orzamento e dos movementos de tesourería. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno extraordinario do 22 de novembro.

Mércores, 21 de novembro de 2018

[21-11-2018] Este venres, 23 de novembro, a compañía de teatro de títeres Tanxarina representa na Casa de Cultura de Bertamiráns o seu espectáculo A galiña azul. A peza, na que conviven actores e marionetas, é unha adaptación da obra homónima de teatro infantil de Carlos Casares. As entradas para a obra xa se poden retirar na @Billeteira, a través da páxina web do Concello de Ames.