[17-11-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. As actividades de dito programa proseguen a próxima semana coa realización de dous novos talleres, que xirarán arredor do perfeccionamento da negociación a través dunha serie de claves e técnicas, e do pricing e as estratexias para fixar prezos. Este nova edición do programa está formada por 10 talleres, dos que quedan por impartir catro obradoiros no que resta de novembro.
As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira, poden acceder durante o que queda de ano ao programa Vives Emprende, unha iniciativa gratuíta que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio.
Así, ao abeiro desta iniciativa, a finais de outubro e comezos de novembro realizáronse seis talleres, nos que se pretendeu ofrecerlle unha serie de ferramentas aos participantes que lles permita coñecer todo o necesario para emprender un negocio na rede de forma segura. Neste senso, as sesións realizadas xiraron en torno á Idea de negocio e proposta de valor, Marketing: estudos de mercado e clientela, Marketing mix e programas de fidelización, Competencias emprendedoras, RRSS e comercio electrónico, e Obligacións e trámites para ter en conta.
Pola súa banda, na próxima semana impartiranse dous novos obradoiros para seguir afondando na idea de negocio online. Polo tanto, o martes 20 de novembro impartirase un taller sobre as claves e técnicas de negociación, polo que se explicará en que consiste a negociación, así como as habilidades e estratexias necesarias para ter éxito neste ámbito. Ao día seguinte, o mércores 21 de novembro, abordarase o pricing ou estratexia para a fixación de prezos.
Para finalizar esta última sesión clausurarase cos dous obradoiros que se realizarán os días 27 e 28 de novembro, que xirarán en torno á creación dun plan de empresa adaptado á solicitude de subvencións e financiamento e, por último, a presentación do proxecto.
Estes talleres teórico/prácticos son impartidos nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.