Pestanas principais

Representantes dos Concellos de Ames e Teo reúnense co Subdirector Xeral de Planificación da Consellería de Infraestruturas para avanzar na proposta da liña circular Ames-Teo-Santiago

Martes, 20 de novembro de 2018

[20-11-2018] A semana pasada o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e maila concelleira de Mobilidade de Teo, Conchi García, participaron nunha reunión en Santiago co Subdirector Xeral de Planificación, Héctor Presas. A finalidade deste encontro foi avanzar na proposta da liña circular Ames-Teo-Santiago feita no pasado mes de marzo. Dende a Xunta de Galicia declararon a súa intención de incluír esta nova liña no proceso de licitación das novas liñas de transporte metropolitano, encadradas no mapa concesional do Transporte Metropolitano Galego.

Representantes dos Concellos de Ames e Teo tiveron unha xuntanza a semana pasada con membros da Consellaría de Infraestruturas. O principal obxectivo de dito encontro foi avanzar na proposta da liña circular Ames-Teo-Santiago, antes da licitación das novas liñas de transporte metropolitano encadradas no mapa concesional do Transporte Metropolitano Galego.

En representación do Concello de Ames asistiu o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mentres que por parte do Concello de Teo, asistiu a concelleira de Mobilidade, Conchi García. Ambos foron os responsables de falar co Subdirector Xeral de Planificación, Héctor Presas, sobre o proxecto elaborado conxuntamente para a modificación das rutas que discorren desde Santiago ata os concellos de Ames e Teo.

Un proxecto común para a mellora da mobilidade metropolitana
A proposta de reformulación do servizo, elaborada colectivamente polos dous Concellos, ten como obxectivo abordar algunhas das melloras necesarias, que ata o de agora foron imposibles de implementar debido as actuais condicións contractuais, marcadas cando as necesidades de mobilidade eran outras. A nova proposta inclúe a creación de novas trazados, frecuencias e franxas de servizo.

O actual servizo, que é prestado por varios operadores diferentes, ten orixe no concello de Santiago e percorre o leste do concello de Ames e o oeste do concello de Teo. Os operadores que prestan o servizo na zona son: Hedegasa (operador principal), Monbus, Hermanos Ferrín e Arriva Noroeste. Ademais, algúns destes servizos están concibidos como longa distancia, xa que comunican localidades como Ribeira, Vigo, Pontevedra ou Boiro co concello de Santiago e que, ao seu paso polos concellos de Ames e Teo, complementan o servizo disposto para estes.

Porén, tanto o Concello de Ames como o Concello de Teo precisan dun novo deseño no servizo de transporte público, que responda ás necesidades dunha poboación en constante crecemento, a cal precisa maioritariamente dunha boa comunicación entre ambos concellos e co centro administrativo e comercial de Santiago. Deste xeito, o novo proxecto propón a creación dunha liña circular xurdida do actual servizo que nace na rúa da Rosa, en Santiago, e que despois de pasar polo Milladoiro percorre a parroquia de Calo e finaliza o seu servizo en Luou. A nova liña de trazado circular proseguirá por Cacheiras e Os Tilos dirixíndose novamente a Santiago.

Incremento de 9.000 usuarios/as potenciais
Co novo trazado comunicarase, polo tanto, a unha poboación de a redor de 30.000 veciños dos concellos de Ames e Teo, tanto entre si como co centro do concello de Santiago, o que incrementará significativamente o número total de potenciais usuarios, ao incrementar en 9.000 as veciñas e veciños beneficiados pola prolongación da liña.

No tocante aos horarios, a nova proposta mantén os actuais para os días laborais. Non obstante, a reformulación do servizo incrementa, durante as fin de semana, un par de servizos de ida e volta pola mañá, franxa horaria que actualmente non conta con oferta. Ademais, este servizo de disposición circular contará con dous sentidos de circulación, un con saída no sentido Intermodal – Teo – Ames – Intermodal e outro no sentido Intermodal- Ames – Teo – Intermodal.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames e Teo avanzan coa Xunta na proposta da liña circular Ames-Teo-Santiago"
El Correo Gallego: "El bus circular Ames-Teo va a beneficiar a 30.000 vecinos"
La Voz de Galicia: "Ames y Teo analizan con la Xunta la propuesta de incluir una línea circular en el bus metropolitano"