Pestanas principais

Os vindeiros Espazos para Reflexionar xirarán en torno á infancia e á adolescencia

Luns, 19 de novembro de 2018

[19-11-2018] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle os mércores 21 e 28 deste mes de novembro dúas novas sesións de Espazos para Reflexionar. No encontro do mércores 21 falarase sobre como traballar a autonomía dos e das nenas/os de 0 a 6 anos, mentres que o próximo mércores 28, a charla centrarase en como falar da sexualidade con adolescentes. Ambas sesións serán conducidas por Yolanda Gómez Bombín, pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.


Os Espazos para reflexionar proseguen este mércores, 21 de novembro, cunha sesión destinada a familias con cativos/as de 0 a 6 anos, que xirará sobre as distintas etapas do crecemento saudable, e como apostar pola autonomía neste proceso de crecementos dos pequenos e pequenas. Nesta ocasión, a encargada de dirixir a sesión será Yolanda Gómez Bombín, pedagoga e traballadora de servizos sociais do Concello de Noia. O obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias, expectativas e ideas para concluír cal pode ser a mellor maneira de elaborar todo o que implica a autonomía dos/as máis pequenos/as.

Por outra banda, o mércores 28 de novembro, a mesma profesional realizará outra sesión, esta vez enfocada na adolescencia e na importancia de decodificar as necesidades dos mozos/as que se atopan nesta etapa, potenciando a súa autonomía. Así, se ven Yolanda Gómez xa tratou este tema nunha charla celebrada durante o curso anterior, nesta ocasión tratarase de conversar sobre como a sexualidade forma parte do proceso de construción do ser humano e da persoa. Asemade, trataranse varias visións e ferramentas para entender como afecta o acceso ao sexual dos xoves, tanto de maneira física como virtual.

Ambas as dúas xornadas terán lugar no salón de actos do IES do Milladoiro entre as 17:30h e as 19:00 horas. Para asistir non é preciso inscrición previa.

Os Espazos están dirixidos principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, a primeira sesión celebrouse o 23 de outubro e versou sobre o valor da diversidade sexual e o dereito á diferencia. Baixo o título Sorrisos transformadores. Dereito a ser distintos, a charla buscou reflexionar sobre a diversidade enfocada no ámbito sexual, superando o sistema binario e o marcado pola heteronorma. O espazo realizado o 12 de novembro, pola súa banda, centrouse na educación en positivo e a educación emocional.

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O obxectivo deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O IES do Milladoiro acolle hoxe e o mércores 28 dúas sesións de Espazos para Reflexionar"