[21-11-2018] Este xoves, 22 de novembro, celebrarase un pleno extraordinario. Previamente, os asuntos que se abordarán en dito pleno foron tratados nas comisións informativas realizadas o pasado venres. En ditas comisións abordáronse a aprobación do suplemento de crédito 3/2018, por valor de 414.610 euros, financiado con baixas por anulación; a revisión ordinaria con Urbaser correspondente ao exercicio 2018; a terceira prórroga polo prazo dun ano do contrato asinado con Urbaser SA; a aprobación do proxecto corrixido para a cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns; e o cambio de periodicidade da rendición de información trimestral ao pleno sobre o estado de execución do Orzamento e dos movementos de tesourería. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a convocatoria coa orde do día do pleno extraordinario do 22 de novembro.
Un dos puntos que se abordará no pleno extraordinario deste xoves é a aprobación, se procede, do suplemento de crédito 3/2018, financiado con baixas por anulación, por valor de 414.610 euros. Chegado o remate do ano, compróbase a existencia de saldos de crédito en numerosas aplicacións orzamentarias, mentres que noutras sucede exactamente o contrario: existen gastos xa efectuados que precisan ser aprobados ou gastos que é necesario realizar ou comprometer antes do remate do exercicio , pero que non contan co respaldo necesario no orzamento vixente.
Deste xeito, proponse ao Pleno a realización dun suplemento de crédito financiado con baixas por anulacións de crédito en aplicacións do orzamento non comprometidas, para executar outras actuacións como as obras de rehabilitación de Ponte Cabirta; facer unha achega municipal ao convenio coa Deputación Provincial para as obras de substitución céspede sintético no campo de fútbol de Bertamiráns. Así mesmo existen certas actuacións que é necesario acometer antes de finalizar o exercicio como o caso do arranxo da cuberta na Escola municipal de O Bosque e actuacións en parques ou vías públicas en mal estado.
Por outra banda, abordarase a revisión ordinaria de Urbaser correspondente ao exercicio 2018. O pasado 19 de outubro de 2018 a empresa concesionaria do servizo de limpeza solicitou a revisión de prezos para o exercicio 2018 do canon principal. O coeficiente de actualización proposto para este período de revisión é de 1,1599% polo que o prezo do contrato do canon principal pasaría a ser no 2018 de 651.204,97 euros, IVE incluído. Ademais, durante o ao 2018, se xeran atrasos debido á actualización do canon, tanto o principal como a ampliación. O importe dos atrasos ascende a 538,63 euros máis IVE mensuais. O importe dos atrasos facturarase pola empresa concesionaria, de forma independente á facturación mensual.
Asemade, haberá que tratar a terceira prórroga, polo prazo dun ano, do contrato asinado con Urbaser S.A. para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames. Cómpre lembrar que no pleno ordinario de marzo de 2016 aprobouse a primeira modificación do contrato asinado con dita empresa e que afecta ó réxime de prórroga previsto na cláusula segunda do contrato, de tal forma que respectando a duración máxima de prórroga de 10 anos as mesmas serán acordadas ano a ano ata un máximo de 10 anos. No pleno de setembro de 2016 acordouse a primeira prórroga polo prazo de 1 e na sesión plenaria de outubro de 2017 aprobouse a segunda prórroga por un prazo de 1 ano que abranguía ata o 14 de xaneiro de 2019. Agora, a empresa concesionaria solicitou o pasado 19 de outubro de 2018 a terceira prórroga do contrato polo prazo dun ano, a contar dende o 15 de xaneiro de 2019 e ata o 14 de xaneiro de 2020.
Proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián
No pleno ordinario de decembro de 2017 aprobouse a participación no Pos 2018, incluíndo entre as actuacións a realizar as contidas no proxecto técnico de “Instalación e cubrición de area de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns”. Ao realizarse a supervisión técnica do proxecto detectouse a necesidade de realizar correccións de tipo técnico de pequena importancia e que non alteran substancialmente o proxecto nin modifican o seu orzamento. A continuación, mediante decreto da alcaldía, por razóns de urxencia, prestouse aprobación ao proxecto modificado, quedando pendente a ratificación por parte do Pleno, algo que se deberá de facer este xoves.
Por último, achegaráselle ao Pleno a proposta de cambio de rendición de información trimestral sobre o estado de execución do Orzamento e dos movementos de tesourería, por operacións orzamentarias independentes e auxiliares do orzamento e da súa situación, para os meses febreiro, maio, agosto e novembro. Así, remitiríase pola Intervención ao Pleno no mes seguinte da súa remisión ao Ministerio de Facenda, a través da Oficina Virtual de coordinación financeira coas entidades locais.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Ames celebra un pleno extraordinario para tratar cuestións de urxencia"




