Pestanas principais

A galiña azul de Tanxarina chega a Bertamiráns este venres

Mércores, 21 de novembro de 2018

[21-11-2018] Este venres, 23 de novembro, a compañía de teatro de títeres Tanxarina representa na Casa de Cultura de Bertamiráns o seu espectáculo A galiña azul. A peza, na que conviven actores e marionetas, é unha adaptación da obra homónima de teatro infantil de Carlos Casares. As entradas para a obra xa se poden retirar na @Billeteira, a través da páxina web do Concello de Ames.

A galiña azul xira en torno á marabillosa galiña de Lourenzo, que non é unha ave normal, posto que é azul, ten cinco plumas vermellas na ala dereita e pon ovos de cores. Sen embargo, as características que fan a esta galiña diferente non agradan a todo o mundo. Así, o alcalde do pobo comeza a perseguir e condear ao animal só por ser diferente, polo que Lourenzo terá que argallar unha chea de ideas para protexer á súa amiga.

A obra, que xira en torno a valores como a diversidade e a solidariedade, vai destinada a un público infantil e familiar. Dirixida e adaptada por Cándido Pazó, esta peza na que se empregan diversas técnicas de manipulación de bonecos, traballo actoral e música, conta coa actuación de Eduardo Cunha “Tatán”, Miguel Borines e Andrés Giráldez.

As entradas para asistir a este espectáculo xa están dispoñibles a través da Billeteira electrónica, mentres que só un 10% se reservarán, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. O custo das entradas é de 4 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A galiña azul de Tanxarina chega a Bertamiráns este venres"