Pestanas principais

O Concello de Ames aposta un ano máis pola igualdade e a prevención da violencia de xénero coa celebración das VIII Xornadas Acércate

Xoves, 22 de novembro de 2018

[22-11-2018] Ao longo do día de hoxe a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a oitava edición das Xornadas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, baixo o título “Acércate á igualdade”. A apertura institucional correu a cargo da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e da Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella. En dito acto tamén estiveron a directora e maila psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Ames. Unhas 110 persoas participaron nas mesas de debate e charlas, realizadas pola maña, mentres que nos obradoiros da tarde hai inscritas 142 persoas. Para o peche cóntase coa actuación da compañía de danza Kintsugi.

Charlas e mesa de debate para profesionais
As actividades da mañá comezaron cunha mesa de debate sobre o consentimento, o acceso ao corpo das mulleres e os desequilibrios de poder, na que interviron a feminista Lola Ferreiro, doutora en medicina e profesora do postgrao de Xénero Uvigo, Sandra Garrido, activista e avogada feminista especializada na defensa dos dereitos fundamentais, e Tatiana Conde Gómez, educadora do Programa Vagalume especializada en educación, xénero, igualdade e cooperación internacional. Esta mesa estivo moderada pola Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella.

A continuación, entre as 10.30 e as 11.45h, realizouse a conferencia A desigualdade aprendida: causas, consecuencias e estratexias, impartida por Amparo Tomé, socióloga e investigadora especialista en socioloxía de xénero e educación.

A segunda mesa de debate, que comezou ás 12.15 horas, tratou sobre actualidade e retos do feminismo. Neste debate participaron Maika Beltrán, responsable de Intermón Oxfam Galicia, Isabel Quintairos, integrante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Antía Yáñez, escritora e gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa 2018 coa súa obra “Senlleiras”. A mesa estivo moderada por Rocío Núñez, educadora social e secretaria da Xunta de Goberno do Ceesg.

A partir das 13.15h realizouse unha conferencia titulada Da loca do ex á loca do ático cando as nosas emocións desgustan ao patriarcado, que foi ofrecida pola xornalista, redactora de BuzzFeed España e coordinadora da sección feminista dese mesmo medio, Beatriz Serrano Molina. Antes de rematar as actividades da mañá, realizouse o acto de peche institucional e, de 14.30 a 16.00, o descanso para a comida.

Obradoiros programados para a tarde
Pola tarde, o público asistente pode escoller dous dos seis obradoiros programados. Na primeira parte, que terá lugar entre as 16.00h e as 17:15h, terán que elixir entre a opción A “Habilidades emocionais: pequenas accións, grandes cambios”, de Sara Vierna, diplomada en Educación Social, experta en Igualdade e posgraduada no Máster en Xénero e Políticas de Igualdade; a opción B “Mindfullnes: Regulación do estrés e a ansiedade”, de Mita Adriana Beutel, musicoterapeuta, terapeuta corporal, experta en expresión artística e danza en España e profesora acreditada en Explorando a Quietude; e a opción C “Ferramentas para a coeducación” de María Dolores Ruíz Gestoso, axente en Igualdade, licenciada en filoloxía hispánica con Máster en xénero , educación, políticas de igualdade e liderado.

Na segunda parte, que se desenvolverá entre as 17:30h e as 18:45 horas, o público asistente terá que escoller entre a opción A “As redes sociais e o desenvolvemento en adolescentes” de Patricia Gómez Salgado, licenciada en psicoloxía, investigadora predoutoral da USC e membro da unidade de Psicoloxía do consumidor e usuario, ademais de autora de diferentes artigos sobre o uso problemático de Internet e das Novas tecnoloxía entre os/as adolescentes; a opción B “Como mellorar a nosa comunicación: a fiestra de Johari” impartida por Eva García García, coach experta en Educación Emocional e comunicación; e a opción C “Corporalidade e benestar” ofrecido por Paula Paz, diplomada en traballo social, coach experta en xénero e desenvolvemento. As xornadas pecharanse cunha actuación artística, que correrá a cargo da compañía de danza Kintsugi.

Obradoiros de bo trato
Por último, cómpre lembrar que dentro destas Xornadas inclúense os Obradoiros de bo trato, que se impartirán mañá venres, 23 de novembro, no IES de Ames, en Bertamiráns, e no IES Milladoiro. Estas actividades realízanse nos propios centros, facéndoas coincidir co Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se conmemora cada 25 de novembro.


O Concello de Ames celebra ao longo deste xoves, 22 de novembro, a oitava edición da xornadas de igualdade e prevención da violencia de xénero. Dende a organización indican que unhas 140 persoas estaban inscritas nas mesas de debate e conferencias, aínda que a asistencia real estivo nunhas 110 persoas aproximadamente. Nos obradoiros, que se van a desenvolver durante toda a tarde, hai inscritas 142 persoas. A programación destas xornadas recolle diferentes conferencias para profesionais e outras sesións destinadas á cidadanía en xeral.

A xornada foi aberta pola concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, que destacou “todos os días debemos de traballar, visibilizar e sensibilizar, para poder avanzar e conseguir esa igualdade real entre homes e mulleres, porque o que non podemos esquecer é que a violencia machista é a máxima expresión das desigualdades sociais que vivimos e sufrimos as mulleres polo simple feito de selo. Unha desigualdade que é silenciada, escondida e moitas veces normalizada. Aínda que parece que algo imos avanzando, sobre todo coa onda feminista que vivimos o pasado 8 de marzo que marcou un antes e un despois, temos moito que facer e moito polo que loitar”.

Luísa Feijóo lembrou “non podemos esquecer que no que vai de ano xa son 43 as mulleres asasinadas e 8 menores, 3 desas mulleres foron asasinadas en Galicia. Ademais, hai que lembrar que dende o ano 2003 xa van preto de 1.000 mulleres asasinadas. Isto o que me fai pensar é que esta loita contra as violencias machistas, contra todo tipo de violencias, debe ser unha prioridade institucional e política. Esta loita ten que ser unha cuestión de estado e debe estar por encima dos intereses partidistas, das ideoloxías e das cores, como demostramos día a día no noso Concello. Esta debe ser unha loita que libremos todas e todos porque coa igualdade non só gañamos as mulleres, gaña toda a sociedade”.

A continuación interveu a Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, que incidiu na importancia que ten a realización deste tipo de Xornadas, que xa van pola oitava edición. Susana López Abella, en primeiro lugar achegou varios datos sobre esta lacra. “Dende o 1 de xaneiro de 2003 ata o día de hoxe foron asasinadas por machismo 972 mulleres, que deixaron familias rotas, orfos e orfas, así como pobos rotos e marcados pola violencia. Asemade, dende xaneiro de 2013 houbo 226 menores que quedaron orfos/as (en 2018 foron 35 menores orfos/as) e 27 menores asasinados por violencia de xénero. É importante falar de estadísticas, pero tamén é importante visibilizar que detrás de cada cifra hai unha muller e unha familia rota pola violencia. Dende o 1 de xaneiro de 2007 ata o 30 de xuño de 2018 foron presentadas en España 1.572.186 denuncias e 426.363 ordes de protección. En Galicia, durante o primeiro semestre deste ano presentáronse un total de 2.979 denuncias, e en España, no primeiro semestre de 2018 contabilizáronse 19.010 ordes de protección (en Galicia 941)”.

A Secretaria Xeral da Igualdade engadiu “ante isto o que temos que facer é xornadas como estas, actividades de formación, coeducación, e por suposto traballar na prevención e sensibilización, pero sobre todo atender ás mulleres, aos menores, ao entorno das persoas que dependen destas mulleres para que saían do circulo das distintas violencias que existen. Galicia foi a primeira comunidade, e segue sendo a primeira, que ten axudas de fondos propios para as mulleres vítimas da violencia de xénero. Este ano investíronse 4 millóns de euros neste eido. A pesar das cifras achegadas, Galicia e España, dentro do contexto da Unión Europea e internacional, son un referente, non só en materia lexislativa, senón tamén a nivel de recursos”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Unas jornadas apuestan en Ames por la educación y el apoyo a la mujer contra la violencia machista"
Compostela 24 horas: "Continúan os actos contra as violencias machista en Ames"