Pestanas principais

O Concello de Ames convida á veciñanza amesá a tinguir de negro a praza do Concello o venres

Mércores, 21 de novembro de 2018

[21-11-2018] O concello de Ames continúa cos actos de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, prestándolle especial atención ás xeracións máis novas. Deste xeito, os actos centrais de mañá celebrarónse nos CEIPs A Maía, Barouta e Agro do Muíño, onde se instalaron puntos móbiles de igualdade. Asemade, convidase á veciñanza a participar no acto institucional que terá lugar na Praza do Concello de Bertamiráns o vindeiro venres, no que se lerá un manifesto e se mostrará a repulsa a calquera tipo de violencia de xénero.


VIII Xornadas: Igualdade e prevención da violencia de xénero
O xoves 22 de novembro realizaranse as VIII Xornadas: Igualdade e prevención da violencia de xénero en Ames nas que, durante todo o día, se realizarán mesas de debate, conferencias e obradoiros na Casa da Cultura do Milladoiro. A través destas actividades, buscarase ofrecerlle aos e ás asistentes ferramentas sobre habilidades emocionais, coeducación, e outros temas ao tempo que se analizan diversos temas como o feminismo, o consentimento, as redes sociais e os xoves.

Neste senso, tamén se realizarán obradoiros destinados exclusivamente ás xeracións máis novas. O alumnado de 3º de ESO participarán no obradoiro “Bo trato”, nos que se traballará a convivencia positiva e a educación emocional, ofrecéndolles unha serie de ferramentas para o autocoñecemento, a autoestima, etc. enfocadas á prevención da violencia, en especial de xénero. Esta actividade realizarase o 23 de novembro no IES do Milladoiro e o 30 no de Bertamiráns.

Ese mesmo día, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá ás 21.00 horas a representación de “Invisibles”, baseada na novela homónima de Montse Fajardo e adaptada pola compañía Redrum Teatro.


Colocación de puntos móbiles de igualdade nos centros escolares
Ao longo da mañá, a Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a directora do Centro de Información da Muller (CIM), acudiron aos centros de ensino de A Maía, Barouta e Agro do Muíño para instalar os puntos móbiles de igualdade. Estes espazos consisten nuns estantes con diferentes obras infantís e xuvenís que se consideran libres de estereotipos de xénero.

A través destas obras orientadas ás diferentes idades da infancia búscase promover entre as nenas e nenos a importancia da igualdade de xénero a partir da lectura, así como os valores de respecto e tolerancia fronte á diversidade. Con esta iniciativa tamén se pretende achegar, ás familias e ao profesorado, unha serie de recursos necesarios para o diálogo coas crianzas arredor destes temas.

Así, durante a presentación realizada no CEIP Agro do Muíño, ao que acudiu o alumnado de 4º e 5º de primaria así como as súas titoras e a directora do centro, os nenos e nenas de 5ºB expuxeron unha serie de carteis nos que reivindicaron a igualdade e denunciaron todo tipo de violencia machista, os micromachismos ou os roles de xénero impostos. Unha serie de temas sobre os que estiveron traballando ao longo das últimas semanas.


Este venres, 23 de novembro, ás 12.00h terá lugar un acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns, no que se procederá á lectura do manifesto e ao reparto de material da campaña Ames en Negro, formado por camisetas, chapas, pulseiras, bolígrafos e axendas, entre outros. Dende a concellaría de Servicios Sociais e Igualdade anímase a toda a veciñanza amesá a que participe, co obxectivo de tinguir a praza de negro, como mostra de unión e rexeitamento colectivo da veciñanza amesá fronte as violencias machistas.

O acto reivindicativo estará dirixido por Neves Seara, membro do proxecto Casa Morada, e nel participará Paula Viñas Lamas, alumna do IES de Bertamiráns, que lerá unha serie de poemas escritos por ela mesma. Asemade, a música e a poesía correrán a cargo de Laura Lamontagne e Zeltia, de Kúzlo Duse.

Durante esta semana, o Concello de Ames estivo a repartir material entre os diferentes establecementos, clubs, asociacións e centros educativos que fan parte da campaña Ames en Negro, co obxectivo de que os escaparates, as instalacións deportivas, os colexios e institutos e, en definitiva, toda a cidadanía amosase a súa repulsa aos actos de violencia contra as mulleres.