Pestanas principais

Participa no sétimo concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!!

Mércores, 18 de outubro de 2017

[18-10-2017] O Concello de Ames organiza a sétima edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Este ano, como novidade, o concurso está dirixido ao alumnado dos centros de ensino do Concello de Ames que estea matriculado en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con temas de actualidade. A participación pode ser en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. As inscricións pódense realizar no IES de Ames (Bertamiráns), no IES do Milladoiro ou no colexio Alca ata o 25 de outubro (incluído). A entrega de premios realizarase nun acto público o 20 de decembro no que se darán a coñecer os gañadores/as do certame. Nesta gala repartiranse un total de 600 euros, divididos en tres premios dotados con 200 euros cada un.

Nesta iniciativa, organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, poderá participar todo o alumnado matriculado en 1º, 2º, 3º e 4ºda ESO dos centros de ensino do Concello de Ames. Participarase en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. Todos os grupos deberán ter un/unha representante (profesorado ou calquera outra persoa adulta) co fin de coordinar coa organización as datas da formación e da gravación.

Os textos estarán en lingua galega. A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con algún tema de actualidade. O texto poderá ser de creación propia ou unha adaptación/recreación dun texto de autor/a. O tempo estimado de emisión para cada unha das pezas estará entre os 3 e os 5 minutos. A inscrición dos participantes realizarase no IES de Ames (Bertamiráns), no IES do Milladoiro ou no colexio Alca, a través do equipo de dinamización lingüística e utilizando a ficha de inscrición que se facilita. O prazo para inscribirse remata o 25 de outubro (incluído). 

Xornada de formación
Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación conxunta o día 30 de outubro no Pazo da Peregrina, cunha duración aproximada de dúas horas. Ademais, entre os días 7 e 8 de novembro, o alumnado poderá perfeccionar a súa peza noutra sesión de formación nos propios centros de ensino onde se lles facilitará aos participantes claves locución e interpretación. Os grupos participantes realizarán a gravación e a montaxe das pezas na Radio municipal de Ames, os días 13, 16 e 17 de novembro, previa cita fixada pola organización.

A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 20 e o 30 de novembro nas seguintes franxas horarias: das 13.30 h ás 14.30 h e das 19.00 h ás 20.00 h (de luns a venres). Tamén estarán dispoñibles permanentemente entre ditas datas na sección de AVISOS da páxina web municipal www.concellodeames.gal. A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. Aos grupos participantes facilitaráselles unha copia da súa peza.

Acto público de entrega de premios
Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal escollerá entre as pezas emitidas o que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 20 de novembro e o 1 de decembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do teléfono 981 890 452. Os/as votantes terán que identificarse e só se computará un voto por persoa.

Haberá outros dous premios: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Estes dous premios tamén estarán dotados con 200 euros cada un. O Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público. Este ano, igual que na edición anterior, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 20 de decembro de 2017, á que asistirá todo o alumnado participante.