[17-10-2017] O xoves, 19 de outubro, ás 18:30 horas, o local de JUPEMI no Milladoiro (rúa Figueiras, nº3, baixo) acollerá unha nova charla do ciclo “Falemos de Saúde”, nesta ocasión, sobre alzhéimer e outras demencias. Nela, abordaranse as causas, os síntomas e as diferentes fases desta enfermidade, así como os tipos de demencias máis frecuentes. A responsable desta sesión será Lucía Fandiño , traballadora social da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzhéimer (AGADEA). Na charla tamén se ofrecerá información sobre os diferentes servizos que presta a asociación.
O ciclo “Falemos de Saúde” volve este xoves, 19 de outubro, ao local de JUPEMI. Neste caso, cunha charla-obradoiro sobre o alzhéimer e outras demencias, ás 18:30 horas. Dirixida á veciñanza en xeral, mais enfocada especialmente ás persoas coidadoras e ás traballadoras e traballadores dese ámbito, a charla será impartida por Lucía Fandiño, traballadora social de AGADEA. Nela abordaranse as diferentes causas do alzhéimer, os seus primeiros síntomas, as súas consecuencias tanto a nivel cognitivo como funcional e as diferentes fases da enfermidade. Do mesmo xeito, tamén se ofrecerá información sobre os tipos de demencias máis comúns.
A charla tamén se centrará na incidencia do alzhéimer e das demencias en Galicia, unha problemática que afecta a máis de 100 000 persoas. Lucía Fandiño introducirá, tamén, a labor de Agadea ao longo destes anos, desde a súa fundación no ano 1994. A asociación ofrece servizos de información e de formación, de voluntariado e de prácticas, de atención psicolóxica, de fisioterapia e transporte e de asesoramento xurídico, entre outros. Alén diso, tamén ten programas de envellecemento activo e de estimulación terapéutica e organiza campañas de sensibilización. No total, en Galicia, existen 13 asociacións de axuda ás persoas con alzhéimer e demencia. Unhas asociacións que agrupan a máis de 5000 familias e 200 profesionais.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que o máis importante deste programa é “ a posta en valor do concepto de saúde, entendéndoo máis como un dereito que como unha obriga”. “O programa ‘Falemos de Saúde’ pretende ser un espazo de xuntanza, de debate e reflexión, onde se aborden aspectos da saúde desde unha perspectiva biopsicosocial e de xénero”, engade Luísa Feijóo.
“Falemos de saúde”: un programa centrado na saúde feminina
O programa “Falemos de saúde” foi posto en marcha polo Concello de Ames en marzo. Conformado por 11 charlas – obradoiros, o programa está dirixido ás mulleres, xa que nel se tratan, fundamentalmente, diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Ata o de agora desenvolvéronse seis charlas: sobre as disfuncións do solo pélvico, a autoestima e o empoderamento, o acompañamento das persoas con cancro, a sexualidade na idade adulta, a idade saudable e a menopausia.
As charlas-obradoiros que quedan por impartir estarán centradas no control do estrés, da ansiedade e nas técnicas de relaxación, na prevención da drogodependencia, na corresponsabilidade e igualdade e na adición sen substancia. No mes de outubro, alén da do alzhéimer, tamén se desenvolverá a charla relativa ao control da ansiedade e do estrés.
Contido relacionado
Lindeiros: "O alzhéimer no ciclo “Falemos de Saúde” en Ames"