[18-10-2017] O pasado luns, 16 de outubro, comezou o tradicional seminario de viticultura, organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). A actividade, que é impartida polo profesor voluntario Emilio de Vicente Nogueira, conta con 25 prazas, das cales 10 aínda están dispoñibles. Para inscribirse neste seminario é preciso acudir á Oficina de Voluntariado de Ames, situada nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044. O seminario desenvolverase semanalmente, os luns, en horario de 19:30 a 21:30 horas.
O luns, 16 de outubro, daba inicio o seminario de viticultura que organiza, anualmente, o Concello de Ames a través da Oficina de Voluntariado. O temario do seminario abrangue todos os aspectos referidos ao cultivo e á saúde do viñedo como, por exemplo, as castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados, as distintas maneiras de guiar os bacelos ou as técnicas de poda que se deben aplicar. O seminario de viticultura supón unha maneira formidable de mellorar as explotacións vinícolas tanto profesionais como domésticas.
As aulas son impartidas polo profesor voluntario Emilio de Vicente Nogueira, os luns, de 19:30h a 21:30 horas, na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. O seminario, que se estenderá ata o mes de xuño, conta con 25 prazas, das cales 10 aínda están dispoñibles. Para inscribirse, é preciso acudir á Oficina de Voluntariado de Ames, situada tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na de Bertamiráns, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044.