Pestanas principais

O goberno municipal presenta a nova aplicación de Orzamentos Abertos que recolle a información da xestión orzamentaria municipal

Mércores, 18 de outubro de 2017

[18-10-2017] Esta mañá presentouse a nova aplicación de Orzamentos Abertos do Concello de Ames. Por primeira vez á veciñanza amesá terá acceso, de xeito facilmente comprensible e manexable, a toda a información económica do Concello, orzamento municipal, detalle de ingresos e gastos por áreas, pago a provedores, etc. Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Economía e Facenda. Esta nova ferramenta informática basease nos principios de transparencia, eficiencia, participación e consulta. A presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, da concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, e de Miguel Arias, membro do equipo técnico da empresa Balidea que foi a encargada de desenvolver esta aplicación.

A partir de hoxe a veciñanza amesá poderá consultar toda a información económica municipal a través do sitio web http://orzamentosabertos.concellodeames.gal. Esta mañá tivo lugar a presentación desta nova aplicación desenvolvida pola empresa Balidea en colaboración cos servizos económicos do Concello de Ames. Esta iniciativa, que foi ideada dende a Concellaría de Economía e Facenda, trata de facer pública a información orzamentaria dun xeito claro, transparente, intuitiva e orientada á veciñanza en xeral. Neste portal web recóllese información detallada referida á totalidade de ingresos e gastos (previsión orzamentaria e execución final). Tamén trata de favorecer o bo goberno e levar a cabo unha xestión transparente dos recursos públicos.

Asemade, coa intención de poder levar a cabo unha estratexia e política baseada na transparencia e total accesibilidade e comprensión da información establécense unha serie de obxectivos como son facer accesible e comprensible moita información que é difícil de interpretar; visualizar o gasto do diñeiro público; poñer en contexto as grandes cifras e as variacións temporais (orzamentos VS gasto efectivo) e poder facer uns seguimento continuo e detallado da economía do Concello.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “a aplicación dos Orzamentos Abertos é parte da aposta pola transparencia e a participación deste goberno municipal. Na área económica, a medida complementa outras anteriores como a redución dos intereses dos préstamos bancarios do Concello. Ademais, quero destacar que esta non é só unha ferramenta para a veciñanza, senón que tamén o é para nós, para os membros do goberno municipal. Con esta nova aplicación poderemos apreciar aspectos negativos da xestión económica de cada área e concellaría, modificándoos e mellorándoos, avanzando, deste xeito, no noso compromiso de realizar unha boa xestión do diñeiro de todas e todos. Por último, gustaríame convidar á veciñanza a que visite o novo portal web e coñeza estes datos de primeira man”.

O portal divídese en cinco apartados
No portal web de Orzamentos Abertos do Concello de Ames móstrase a recadación local de impostos directos e taxas, así como outras fontes de ingresos (goberno central e galego). Tamén se recolle como, e en que, se emprega o diñeiro recadado pola Administración local. Divídese en cinco apartados ou seccións: visión global; políticas; pagos e investimentos; o que ti achegas; e que quere dicir...?

No apartado de visión global ofréceselle á veciñanza unha idea sobre os ingresos e gastos do Concello de Ames. Na sección de políticas pódese ver cales son as áreas nas que se gasta máis diñeiro, como se gasta e cales son as principais vías de ingreso. En Pagos e investimentos móstranse en detalle os pagos e provedores e as facturas correspondentes a ditos pagos efectuados polo Concello, mentres que na sección de E que achego eu pódese ver en que se inviste o diñeiro que se recada dos impostos que paga a veciñanza.

A concelleira de Economía e Facenda, Gemma Otero, explicou “vivimos tempos dunha forte desafección política, no que a cidadanía non confía, nin deposita esperanzas, na clase política. O noso compromiso, cando entramos a gobernar, era converter Ames nun concello aberto, transparente e participativo. A posta en marcha dos Orzamentos Abertos é o noso xeito de materializar, unha vez máis, este compromiso. A través desta aplicación queremos renderlle contas á cidadanía acerca da nosa xestión, mostrarlle os datos económicos do Concello dun xeito fácil, intuitivo e entendible. Quero agradecer, tamén, todo o traballo realizado polo persoal do departamento económico, sen o cal está aplicación non sería posible”.

Información económica ao alcance do cidadán
Nesta aplicación está subida información económica dos exercicio 2014, 2015, 2016 e 2017 (datos dos orzamentos de ditos exercicios, dereitos recoñecidos netos, obrigas recoñecidas netas e pago a provedores). Proximamente, seguirase ampliando e actualización a información económica. Ademais, cómpre destacar que se ofrece información sobre o presupostado e o nivel de execución. A veciñanza poderá acceder a todos estes datos dunha forma sinxela e moi intuitiva, así como descargalos en formato CSV e Excel.

A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, incidiu en que “dende a Concellaría de Comunicación estamos moi satisfeitas coa estrea desta aplicación. Cómpre dicir que só co Portal de Transparencia do Concello, as nosas obrigas coa legalidade están cumpridas. Porén, quixemos ir máis alá, afondar no noso compromiso de transparencia, e quixemos facelo, ademais, nunha das áreas máis confusas para gran parte da cidadanía. Alén diso, a aplicación escollida pareceunos positiva desde o primeiro momento. Non só está configurada en software libre, senón que xa foi utilizada con anterioridade noutros concellos e institucións, demostrando a súa eficacia e o seu éxito. Parécenos, ademais, que a maneira na que se ofrece a información fai que esta sexa facilmente comprensible para calquera persoa, que ademais pode ir do global ao detalle”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames facilita que los vecinos fiscalicen sus cuentas"