Actualidade
[02-11-2017] Este xoves, 2 de novembro, Día de Defuntos, o goberno municipal organizou unha visita ao cemiterio municipal co obxectivo de que os concelleiros e concelleiras dos diferentes partidos políticos con representación na corporación municipal puidesen ver como quedou esta instalación despois das obras de acondicionamento que se realizaron durante os últimos meses. Ademais, neste acto tamén se anunciou que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do proceso de licitación para a adxudicación da concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal. Deste xeito, cúmprese un dos compromisos do acordo de investidura.
[02-11-2017] O Concello de Ames informa de que este venres, 3 de novembro, estarán pechadas as instalacións do Punto Limpo, que está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro. Os/as traballadores/as da empresa Urbaser, concesionaria deste servizo, celebran a festividade do seu patrón, San Martín de Porres. Debido a iso durante toda a xornada haberá os servizos habituais dun día festivo.
[01-11-2017] Este martes, 31 de outubro, rematou o obradoiro de lingua e cultura En galego, co teu acento. Nesta actividade participaron 15 persoas de catro nacionalidades diferentes (Colombia, Venezuela, Cuba e Arxentina). A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade , Luísa Feijóo, foi a encargada de entregar os diplomas a todas aquelas persoas participantes que completaron o 90% das horas impartidas. As aulas deste obradoiro desenvolvéronse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ao longo do mes de outubro. O vindeiro xoves, 2 de novembro, este mesmo obradoiro de lingua e cultura galega comezará a impartirse na Casa da Cultura do Milladoiro. Estes obradoiros están organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Concellaría de Servizos Sociais.
[01-11-2017] Dende o pasado 16 de xuño a empresa Espina y Delfín xestiona o Ciclo integral da auga. Despois dun longo proceso adxudicouse este servizo municipal. Para elo, houbo que desestimar as medidas cautelares presentadas ao proceso de licitación pola entidade Acciona Auga Servizos SL. Ademais, durante este mes de outubro notificáronlle ao Concello de Ames que esta mesma entidade, Acciona Auga Servizos SL, retirou o recurso contencioso-administrativo presentado contra o acordo plenario do 29 de decembro de 2016, no que se adxudicou o contrato de xestión do devandito servizo. Deste xeito finaliza un proceso que comezou en agosto de 2015 coa primeira xuntanza de traballo.
[01-11-2017] A semana pasada realizouse a primeira reunión da Comisión de prevención de incendios que está formada por diferentes técnicos e traballadores/as do Concello de Ames. A composición interdepartamental permite dispor dunha visión xeral dos asuntos a tratar por parte das diferentes áreas, de xeito que a coordinación do plan será moito maior. Os departamentos de medio ambiente, recursos humanos, intervención, contratación, urbanismo e seguridade forman esta comisión que manterá reunións periódicas ao longo do ano.
[31-10-2017] O departamento de Persoal fai pública a listaxe definitiva de peóns da brigada de xestión e repoboación forestal do Concello de Ames, onde se fixa o tribunal e as datas da baremación e do primeiro exercicio da fase de oposición.
[31-10-2017] O Concello de Ames imparte este xoves e venres dous cursos de formación para asociacións e entidades locais sobre a presentación de documentación en formato dixital. Estas xornadas xorden como consecuencia da aplicación das leis estatais, polas que todas as entidades e empresas deben entregar a documentación por rexistro en formato dixital. Esta formación tamén permitirá coñecer con detalle os mecanismos habilitados para a solicitude do DNI electrónico ou do certificado dixital, así como a súa utilización no procedemento electrónico do Concello de Ames no portal web. As xornadas formativas impartiranse nas aulas de informática das Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, en horario de 20:00 a 22:00 horas. É preciso inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal
[31-10-2017] A décimo segunda edición do Festival de Maxia de Ames desenvolveuse esta fin de semana na Casa da Cultura do Milladoiro. O Festival gozou, un ano máis, dun grande éxito de participación. Os tres pases da Gala Máxica Internacional, que ficaron rapidamente coas entradas esgotadas, xuntaron no total preto de 450 persoas. Os obradoiros, pola súa banda, tamén estiveron ao completo, cunha cincuentena de rapazas e rapaces participantes. Nesta edición, como novidade, o festival incluíu un espectáculo de maxia infantil para crianzas dos 0 aos 3 anos, con 39 persoas participantes, e outro destinado a nenas e nenos entre os 3 e os 6, que contou con 77 asistentes. O Festival de Maxia estivo organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais. Abarajar Producciones foi a empresa responsable do desenvolvemento do Festival.
[31-10-2017] O próximo domingo, 5 de novembro, terá lugar un paseo interpretativo polas Fragas de Agrón, organizado pola Aula da Natureza. O paseo, que terá unha extensión aproximada de dous quilómetros, discorrerá entre os lugares de Gasamáns e Ferreiros. A actividade, que está dirixida a persoas adultas e a menores de idade acompañados, desenvolverase entre as 10:30h e as 14:00 horas. Para participar é preciso anotarse previamente, enviando o formulario de inscrición -que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova- ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobús, tanto desde o Milladoiro como desde Bertamiráns.
[31-10-2017] O próximo domingo, 5 de novembro, terá lugar un paseo interpretativo polas Fragas de Agrón, organizado pola Aula da Natureza. O paseo, que terá unha extensión aproximada de dous quilómetros, discorrerá entre os lugares de Gasamáns e Ferreiros. A actividade, que está dirixida a persoas adultas e a menores de idade acompañados, desenvolverase entre as 10:30h e as 14:00 horas. Para participar é preciso anotarse previamente, enviando o formulario de inscrición -que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova- ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobús, tanto desde o Milladoiro como desde Bertamiráns.
- ‹ anterior
- 726 de 1382
- seguinte ›