Pestanas principais

Organízanse unha xornadas formativas para as asociacións municipais sobre a presentación de documentación a través do rexistro electrónico

Martes, 31 de outubro de 2017

[31-10-2017] O Concello de Ames imparte este xoves e venres dous cursos de formación para asociacións e entidades locais sobre a presentación de documentación en formato dixital. Estas xornadas xorden como consecuencia da aplicación das leis estatais, polas que todas as entidades e empresas deben entregar a documentación por rexistro en formato dixital. Esta formación tamén permitirá coñecer con detalle os mecanismos habilitados para a solicitude do DNI electrónico ou do certificado dixital, así como a súa utilización no procedemento electrónico do Concello de Ames no portal web. As xornadas formativas impartiranse nas aulas de informática das Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, en horario de 20:00 a 22:00 horas. É preciso inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal

O Concello de Ames atópase inmerso nun proceso de modernización e mellora dos seus sistemas e aplicacións informáticas, cuxo obxecto é modernizar e mellorar a xestión municipal, aplicando as novas tecnoloxías da información e comunicación. O proxecto pretende ademais prestar uns servizos públicos de maior calidade ao cidadán, a empresas e colectivos especiais. Dentro deste plan atópase a instalación da Administración electrónica, proceso no que se está traballando a través de dúas fases de implantación de novos procedementos dixitais.

Para o alcalde e concelleiro de novas tecnoloxías, José Miñones, "o Concello está a cumprir as novas normativas en materia de Administración electrónica, realizando un grande esforzo co obxectivo de simplificar procedementos e apostando claramente pola eliminación do papel e pola protección do medio ambiente”. Miñones afirma que “adaptarse ás novas tecnoloxías xa non ten marcha atrás, que é algo que precisa da implicación de todas e todos e que por parte do Concello o compromiso é firme despois de anos de ambigüidade".

O pasado mes de outubro entrou en vigor a Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta lei obriga, entre outras cousas, ás persoas xurídicas a relacionarse electrónicamente coas Administracións Públicas. Inclúense as asociacións, as sociedades civís, as comunidades de bens, as herdanzas xacentes e as comunidades de propietarios. Esta relación electrónica comprende tanto as notificacións como a presentación de documentos e solicitudes a través do rexistro.

O rexedor municipal explica que “dende o 1 de outubro as empresas, autónomos e outras entidades como as asociacións municipais e os clubs deportivos teñen que presentar toda a documentación en formato electrónico a través do rexistro electrónico. Estes trámites pódense realizar accedendo á sede electrónica do Concello de Ames ou mediante a sede electrónica xeral”.

Ademais, Miñones destaca que “organizáronse unhas xornadas formativas para as asociacións do concello, onde se explicará como teñen que facer para obter o certificado dixital e como realizar ditos trámites a través do portal do concello. A estas xornadas poden acudir todos os representantes de asociacións que así o desexen. Con isto preténdese facilitar á veciñanza a presentación da documentación e atender ás demandas que xa foron realizadas por parte dalgún colectivo”.

Horarios das xornadas formativas
O Concello organizou unhas xornadas informativas para explicar como se realizan estes trámites e solucionar as dúbidas que se poidan ter ao respecto. Estas actividades están dirixidas ás asociacións municipais de veciños, deportivas, culturais, festas. Este xoves, 2 de novembro, será no Milladoiro, na aula de informática situada na Casa da Cultura, mentres que o venres 3 impartirase na aula de informática situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. O horario destas xornadas será de 20:00 a 22:00 horas. Ofértanse entre 20 e 25 prazas para cada xornada.

Para inscribirse debedes enviar un correo electrónico co nome da persoa que asistirá e a asociación a que pertence ao enderezo cemit.ames@xunta.gal. Poderá acudir unha persoa/representante por cada asociación municipal. As inscricións poderanse realizar ata as 18:00 horas deste xoves 2 de novembro. Cada representante poderá acudir a unha única xornada. A inscrición será por orde de chegada dos correos electrónicos.