Pestanas principais

A entidade Acciona Auga Servizos SL retira o recurso contencioso-administrativo presentado contra o acordo plenario no que se adxudica a xestión do Ciclo integral da auga

Mércores, 01 de novembro de 2017

[01-11-2017] Dende o pasado 16 de xuño a empresa Espina y Delfín xestiona o Ciclo integral da auga. Despois dun longo proceso adxudicouse este servizo municipal. Para elo, houbo que desestimar as medidas cautelares presentadas ao proceso de licitación pola entidade Acciona Auga Servizos SL. Ademais, durante este mes de outubro notificáronlle ao Concello de Ames que esta mesma entidade, Acciona Auga Servizos SL, retirou o recurso contencioso-administrativo presentado contra o acordo plenario do 29 de decembro de 2016, no que se adxudicou o contrato de xestión do devandito servizo. Deste xeito finaliza un proceso que comezou en agosto de 2015 coa primeira xuntanza de traballo.

En agosto de 2015 celebrouse a primeira xuntanza da nova comisión do ciclo integral da auga co obxectivo de buscar unha fórmula de xestión do servizo municipal de saneamento e abastecemento de auga. Dende ese momento realizáronse varias xuntanzas para seguir avanzando neste eido coa elaboración dos pregos do novo contrato. Ao mesmo tempo, a comezos de novembro de 2015 a Xunta de Goberno Local aprobou a declaración do estado de emerxencia do Ciclo Integral da Auga para que a UTE Acciona Agua Espina Servicios prestase este servizo ata que finalizará o proceso de licitación do novo contrato.

Posteriormente, no pleno de abril de 2016 a corporación municipal aprobou por unanimidade os pregos técnicos que rexeron a licitación da xestión do servizo publico do Ciclo integral da auga. En novembro de 2016 a Mesa de Contratación, por unanimidade dos membros, propuxo a adxudicación da xestión deste servizo municipal á empresa Espina y Delfín SL, ao ser a que mellor puntuación obtivo en dito proceso. Esta proposta foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de decembro de 2016, mediante a modalidade de concesión administrativa por un prazo de 2+1+1.

De seguido, no pleno extraordinario celebrado o pasado 14 de febreiro aprobouse a suspensión do inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga, que resultou do contrato formalizado o pasado 27 de xaneiro de 2017 entre o Concello e a empresa adxudicataria de dito servizo, Espina y Delfín SL, debido aos recursos de reposición presentados contra o acordo tomado en pleno o pasado 29 de decembro de 2016, de adxudicación da licitación da xestión do servizo público do Ciclo integral da auga.

A partir dese momento abriuse un período para resolver as alegacións e mailos recursos presentados a dito proceso, que se rematou no pleno celebrado o 29 de maio coa aprobación da resolución dos recursos e alegacións presentadas durante o devandito proceso. Asemade, o 15 de xuño, desestimáronse as medidas cautelares presentadas ao proceso de licitación. Así, o pasado 16 de xuño a empresa adxudicataria, Espina y Delfín, comezou a xestionar o devandito servizo.

Agora, durante o mes de outubro o goberno municipal coñeceu que a entidade Acciona Auga Servizos SL retirou o recurso contencioso-administrativo presentada contra o acordo plenario do 29 de decembro de 2016, no que se adxudicou o contrato de xestión do devandito servizo. A parte recorrente presentou un escrito desistindo do presente procedemento. Ademais, non existe condena en costas a ningunha das partes. Deste xeito, dítase resolución declarando terminado o procedemento e ordenando o arquivo das actuacións.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El contrato amiense del agua es firme tras la retirada de un recurso contencioso de Acciona"
El Correo Gallego: "El contencioso por la gestión del agua en Ames llega a su fin tras retirarse el recurso"