Actualidade

Ex., 23-06-2025
Ex., 23-06-2025
Sábado, 04 de novembro de 2017

[04-11-2017] O vindeiro xoves, 9 de novembro, terá lugar unha charla informativa acerca do programa Convive.Comigo. Será ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. O programa ten como obxectivo captar, formar e avaliar ás persoas e familias interesadas en acoller a unha ou un adolescente, obrigado xudicialmente a cumprir unha orde de convivencia. Impulsado por Arela, asociación responsable de varias iniciativas de apoio á infancia e á adolescencia, o programa será desenvolto, inicialmente, na provincia da Coruña.

Sábado, 04 de novembro de 2017

[04-11-2017] A Concellaría de Educación e Cultura preparou para este mes de novembro unha completa programación de contacontos, que se vai desenvolver nos locais sociais de Augapesada e Bugallidado, así como nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Ao longo deste mes, haberá dúas sesións de contacontos en cada espazo. Estas sesións están dirixidas especialmente a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta.

Sábado, 04 de novembro de 2017

[04-11-2017] A próxima semana comezan as actividades organizados polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora cada 25 de novembro. O vindeiro luns, 6 de novembro, unha delegación de 17 Concellos, adheridos á campaña En Negro contra as Violencias, viaxará a Bruxelas, co obxectivo de explicar no Parlamento Europeo as claves desta iniciativa e visibilizar, deste xeito, o pacto municipal social galego contra as violencias machistas. A Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, será a responsable de representar ao Concello de Ames no Parlamento Europeo.

Venres, 03 de novembro de 2017

[03-11-2017] Chega o mes de novembro e con el as festas do magosto. O Concello de Ames colabora coas asociacións de veciños e veciñas e cos centros educativos na organización destes eventos que comezan hoxe en Barouta. De seguido, celebraranse en Cruxeiras, Ventín, Paramuíño, O Milladoiro, no local social de JUPEMI e en Coira.

Venres, 03 de novembro de 2017

[03-11-2017] Esta semana, dous dos grupos de terceiro de Primaria do CEP de Ventín realizaron unha pequena excursión. Organizada pola Aula da Natureza, a saída consistiu na realización do camiño histórico ambiental que vai desde Augapesada á Ponte Maceira. Ao longo do traxecto, fíxose especial fincapé nos aspectos naturais da ruta, sen deixar de lado referencias de carácter histórico como a da batalla na zona de Carballo, en Trasmonte, pola posesión das Torres de Altamira.

Venres, 03 de novembro de 2017

[03-11-2017] Desde o pasado marzo, a reciclaxe en Ames ten premio grazas á plataforma multimedia Tropa Verde. O obxectivo desta iniciativa é o de fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando de forma directa as boas acción medioambientais. Na actualidade, a iniciativa conta con 420 persoas usuarias, 100 recompensas trocadas, 65 establecementos adheridos, 400 cheques trocados por estrelas e 1.500 accións ambientais premiadas con cheques da Tropa Verde. Ademais, entre as accións realizadas pola Tropa Verde sobresaen a Procura do Tesouro, unha actividade para toda a familia que repartiu tres premios, e a acción de rúa de agasallo de plantas en Bertamiráns e Milladoiro.

Venres, 03 de novembro de 2017

[03-11-2017] O departamento de Persoal fai público o anuncio co resultados da fase de concurso do proceso selectivo para a selección e contratación de dous/dúas peóns para a brigada de xestión e repoboación forestal do Concello de Ames. Convócase aos aspirantes á realización do exercicio da fase de oposición, que terá lugar o vindeiro 6 de novembro de 2017, ás 11:30 horas, no Centro de Formación de Aldea Nova. Os aspirantes deberán estar neste lugar ás 11:15h co DNI e un bolígrafo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito anuncio.

Venres, 03 de novembro de 2017

[03-11-2017] O departamento de Persoal fai pública a resolución de alegacións á fase de concurso e ás preguntas do primeiro exame da fase de oposición do proceso selectivo para a selección e contratación dun posto de responsable da brigada de xestión e repoboación forestal do Concello de Ames. O segundo exame será o día 6 de novembro de 2017, ás 10:00 horas.Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito anuncio.

Xoves, 02 de novembro de 2017

[02-11-2017] O vindeiro venres, 3 de novembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 21:00 horas, a representación da obra Shakespeare para todos, do grupo teatral da asociación Andaina Pro Saúde Mental. A peza, que se encadra dentro da XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, é unha adaptación libre de dous textos do dramaturgo inglés: Romeo Xulieta e O Mercader de Venecia. A primeira representación da mostra tivo lugar o pasado 20 de outubro. Os vindeiros 10 e 17 de novembro haberá dúas funcións máis. A entrada é sempre libre e gratuíta. A Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura.

Xoves, 02 de novembro de 2017

[02-11-2017] O vindeiro sábado, 11 de novembro, desenvolverase, na Casa da Cultura do Milladoiro, o obradoiro poético Poesía para tirar o medo. Haberá dúas sesións: unha primeira ás 11:00h e outra segunda ás 12:00h. Neste obradoiro, a escritora María Canosa achegará fórmulas coas que axudar a superar os medos das nenas e nenos. A actividade, que é gratuíta, está dirixida a familias con crianzas ata os seis anos. Para participar, é preciso inscribirse enviando o nome e apelidos das persoas participantes, un teléfono de contacto e a sesión escollida ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de novembro.