Pestanas principais

Apróbase o inicio do proceso de licitación para a adxudicación da concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal

Xoves, 02 de novembro de 2017

[02-11-2017] Este xoves, 2 de novembro, Día de Defuntos, o goberno municipal organizou unha visita ao cemiterio municipal co obxectivo de que os concelleiros e concelleiras dos diferentes partidos políticos con representación na corporación municipal puidesen ver como quedou esta instalación despois das obras de acondicionamento que se realizaron durante os últimos meses. Ademais, neste acto tamén se anunciou que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do proceso de licitación para a adxudicación da concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal. Deste xeito, cúmprese un dos compromisos do acordo de investidura.


Mellora da vixilancia e horario de apertura
Outro dos cambios significativos é o da mellora da seguridade. Incrementouse a vixilancia da Policía Local sobre estas instalacións e colocáronse cámaras de seguridade que gravan nas zonas exterior e interior do cemiterio. Neste mesmo senso vaise a pechar o acceso ao recinto cun portal que non deixe entrar vehículos no horario no que está pechado o camposanto. Estas actuacións adoptáronse co obxectivo de que estas instalacións non volven a sufrir actos vandálicos no futuro.

Ademais, cómpre lembrar que dende o pasado 1 de agosto o cemiterio municipal está aberto á cidadanía. Así, a veciñanza amesá pode ir a velo antes de presentar as súas propostas para a concesión de uso dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios. Actualmente o cemiterio está aberto todos os días (incluídos sábados, domingos e festivos) de 10:00 a 18:00 horas.

Presentación de solicitudes
A vindeira semana está previsto que saía publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o anuncio da devandita licitación. Para a presentación das ofertas establecerase un prazo de 20 días naturais dende a data de publicación do anuncio de licitación no BOP. As ofertas deberán presentarse, nalgún dos rexistros municipais, en dous sobres pechados (A e B) coa documentación que se indica no prego de condicións que rexen o proceso de licitación. A información relativa a dito prego pódese consultar no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal. Ademais, segundo dixo hoxe o alcalde haberá unha persoa que axudará ao veciños e veciñas a cubrir os impresos e maila documentación que haberá que entregar para participar en dita licitación.

O devandito prego regula o procedemento de adxudicación para uso privativo de nichos, tumbas, panteóns e columbarios, que están situados nas rúas 1, 2, 6 e 7 do cemiterio municipal de Ames. Hai dous tipos de panteóns: o tipo A dispón de 3 nichos e 1 columbario, mentres que o tipo B dispón de 4 nichos. Asemade, establecéronse varias modalidades para poder solicitar diversas concesións. Existen dous períodos posibles de concesión para as distintas unidades de enterramento. A primeira opción é da concesión por un período de 25 anos, con posibilidade de renovación por períodos de 25 anos ata un máximo de 75 anos. A segunda opción é da concesión por un período de 75 anos, non renovables.

O goberno municipal está dando os últimos pasos para que o cemiterio municipal comece a funcionar de xeito oficial. Dende o pasado mes de agosto esta instalación xa está aberta e pode visitarse para ver como quedou despois dos traballos de acondicionamento que se realizaron. Agora, unha vez finalice o proceso de adxudicación da concesión dos nichos, tumbas, panteóns e columbarios, poderase comezar a empregar estas instalacións do cemiterio.

Deste xeito, esta mañá realizouse unha visita a esta instalación municipal co obxectivo de que os concelleiros e concelleiras dos diferentes partidos políticos con representación na corporación municipal puidesen ver o estado actual do cemiterio. Nesta visita o arquitecto, que elaborou o proxecto do cemiterio municipal, explicou os traballos que se realizaron durante os últimos meses para acondicionar as instalacións do camposanto. Ademais, neste acto tamén se anunciou que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do proceso de licitación para a adxudicación da concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “a partir da próxima semana os veciños e veciñas que estean interesados poderán presentar as súas solicitudes para poder optar aos nichos, columbarios, panteóns e tumbas que se conceden por un período de 25 ou 75 anos. Ademais, establecéronse uns criterios de valoración como son os de idade, ser natural e estar censado en Ames, etc.”. Miñones tamén salientou “creo que vai haber máis oferta que demanda, por iso quedaron pendentes de arranxar tres rúas do cemiterio para unha segunda fase. Penso que con preto de 900 nichos que se sacan agora a licitación vai a ser suficiente. É un proceso que seguiremos abrindo segundo haxa demanda”.

Traballos de mellora feitos no cemiterio
O cemiterio dos Batáns foi recibido o 29 de xaneiro do 2010, pero por mor dunhas deficiencias observadas polos técnicos municipais e da posterior demanda do Concello, nunca chegou a abrirse ao público. Ao consecuente deterioro provocado pola falta de uso durante estes anos, sumáronse os danos ocasionados polos diversos actos de vandalismo dos que foi obxecto a instalación en varias ocasións. Agora, grazas ás obras realizadas nos últimos meses a través dos fondos do PAI, esta instalación municipal está preparada para poder ser empregada pola veciñanza amesá.

A través das obras realizadas acondicionáronse as instalacións deste cemiterio (excepto tres rúas que quedan pendentes de executar nunha segunda fase). Arranxáronse as rúas do camposanto, os nichos, tumbas, panteóns e columbarios, así como a área de estacionamento. Ademais, acondicionouse a sala velorio, que tamén se pode usar como capela de culto, a sala de autopsias, e realizouse un cambio de luminarias (que dispoñen de lámpadas led), que permite un aforro do 50% da enerxía inicialmente necesaria (pásase de 36.000 vatios a 18.000).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os amienses poderán presentar a partir da vindeira semana as solicitudes para os nichos de Batáns"
La Voz de Galicia: "El cementerio de Ames está listo para las primeras adjudicaciones"
Lindeiros: "Tramo final para o cemiterio municipal de Ames"