Pestanas principais

Ames presenta a segunda fase do plan de prevención de incendios forestais 2017-2018

Mércores, 01 de novembro de 2017

[01-11-2017] A semana pasada realizouse a primeira reunión da Comisión de prevención de incendios que está formada por diferentes técnicos e traballadores/as do Concello de Ames. A composición interdepartamental permite dispor dunha visión xeral dos asuntos a tratar por parte das diferentes áreas, de xeito que a coordinación do plan será moito maior. Os departamentos de medio ambiente, recursos humanos, intervención, contratación, urbanismo e seguridade forman esta comisión que manterá reunións periódicas ao longo do ano.

Contratación dunha brigada
A contratación da brigada que levará a cabo os traballos deste plan xa está en marcha e realizarase mediante un proceso aberto de selección. O Concello contratará, ao igual que o ano pasado, un responsable de brigada e dous peóns, asumindo o custe que rondará os 26.000 euros. O resto do orzamento para levar a cabo esta segunda fase de prevención será para a compra de árbores, o equipamento de maquinaria e vehículo, e o relativo ao custe de preparación dos terreos.

O Concello estima que a contratación do persoal quedará resolta ao longo da primeira quincena de novembro, podendo comezar os traballos de campo xa inmediatamente e mesmo no mes de novembro. As plantacións desenvolveranse ao longo dos meses de xaneiro e febreiro, tal e como aconteceu o ano pasado.

Para o goberno municipal este plan de prevención de incendios forestais é prioritario, e de aí que se lle estea dando prioridade na estrutura municipal. Para Ames, os fatídicos acontecementos xurdidos nestes días en Galicia cos incendios forestais, aceleran aínda máis a posta en práctica deste plan, que se estende ao longo dos anos con actuacións programadas ano a ano e en base ao estudo realizado de catalogación de faixas prioritarias.

Presentación do proxecto á Conselleira do Medio Rural

O goberno de Ames presentoulle en febreiro do presente ano este estudo á Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Nesa reunión solicitouse colaboración por parte da Consellería para levar a cabo esta segunda fase, de xeito que o Concello poñía a disposición da Consellería utilizar este plan como un programa piloto a implantar en varios concellos con características similares a Ames. Esta solicitude de cofinanciamento e posta en marcha da segunda fase foi requirida ata en tres escritos posteriores dirixidos á propia Conselleira, en abril, xuño e agosto do presente ano, sen que por parte da Xunta se teña recibida contestación a dita solicitude.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca “lamento profundamente a falta de resposta e interese por parte da Conselleira nun asunto tan relevante e pioneiro como o que se lle está a presentar. Por parte do Concello de Ames sempre mantivemos a man aberta para a colaboración da Xunta de Galicia, pero recibimos a calada por resposta”.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, incide en que “se trata dun proxecto pioneiro posto en marcha o ano pasado e ao que se lle dá continuidade agora cunha segunda fase”. Ademais, destaca “a importancia de que Ames é un dos poucos Concellos galegos nos que se aposta por unha política activa de prevención de incendios forestais e no que se lle dá valor ao monte. Esta iniciativa permite actuar sobre as faixas máis perigosas para os veciños e revalorizar o valor das parcelas do monte da veciñanza”.

O Concello ten previsto trasladar nos vindeiros días o presente Plan de prevención, así como os resultados acadados da primeira fase, tanto á FEGAMP como ao Parlamento Galego, para que se teña en conta de cara ao estudio dunha nova política municipal forestal. Ademais, o goberno ten previsto levar a Pleno a aprobación do presente plan co obxectivo de darlle maior estabilidade ao longo dos vindeiros anos.

A comisión mantivo unha primeira xuntanza na pasada semana na que se valoraron diferentes aspectos, como a contratación do persoal da brigada que estará adscrita a esta segunda fase do plan de prevención de incendios forestais, así como aspectos de índole urbanística e económico.

A segunda fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto do ano pasado e na que se conseguiu actuar sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias ao convenio asinado entre os propietarios e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación. A revisión das plantacións levadas a cabo no ano 2017 deixa un balance moi positivo, cun porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%.

Ámbitos elixidos para a segunda fase
O Concello vén de elixir os ámbitos forestais que se incluirán dentro da anualidade 2017-2018. As labores de prevención comezarán por rematar o ámbito 18 de Piñeiro do ano pasado, onde xa se conta con 6 fincas onde se vai a desenvolver este plan. Para iso xa están asinados os convenios cos propietarios/as destas 6 parcelas e os traballos previos xa están realizados. Tamén se actuará no ámbito 27 de Piñeiro (en 83 fincas onde os traballos están pendentes de comezar) que conta cunha superficie de 3,5 hectáreas. Un ámbito novo será o de Mercuto, onde se situará unha pequena faixa de 6 fincas, de rápida actuación e de resultados inmediatos.

Na segunda fase tamén se actuará nun dos ámbitos prioritarios que é o de Aldea Nova, catalogado no estudio previo como de alto risco. Este ámbito forestal está dividido en dous: 4A e 4B. O 4A comprende parte da urbanización de Aldea Nova, mentres que o 4B son as edificacións illadas que aglutinan talleres, concesionarios e gasolineira da zona. O número de fincas forestais que se verán afectadas neste ámbito é de 75, mentres que as urbanas sitúanse en torno ás 55.

En total a segunda fase do plan de repoboación pretende alcanzar a cifra de 235 parcelas, para o que o Concello xestionará a compra de árbores suficientes ao longo do presente mes, de cara a contar canto antes coas especies máis eficaces de cara á plantación.

Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc. Coa plantación destas especies, ademais de crear unha barreira natural contra o lume, mellorase a calidade do chan e dáselle un forte impulso ao aumento da biodiversidade que sofre unha forte merma nos terreos de monocultivo de coníferas e eucaliptais.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El programa contra el fuego de Ames reforestará 235 parcelas en tres zonas"