Actualidade
[30-10-2017] O departamento de Persoal fai pública a plantilla coas respostas do primeiro exame da fase de oposición do proceso selectivo para a selección e contratación dun posto de responsable da brigada de xestión e repoboación forestal do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a devandita plantilla.
[30-10-2017] O alumnado de sexto de Primaria do CEP de Ventín tivo a oportunidade de asistir este luns, 30 de octubro, a representación do espectáculo clown O Valo, creado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A representación, que se encadra dentro da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas – fixado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) o 21 de xuño -, busca promover unha reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas.
[30-10-2017] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu este luns, 30 de outubro, unha xornada formativa para todo o alumnado inscrito no sétimo Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!!! O vindeiro 7 novembro, o alumnado poderá perfeccionar as súas pezas noutra sesión formativa, que se realizará nos propios centros e na que se abordarán claves de locución e interpretación. A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 20 e o 30 de novembro nas seguintes franxas horarias: das 13:30h ás 14:30h e das 19:00 ás 20:00h (de luns a venres). As pezas tamén estarán dispoñibles durante estas datas na sección de Avisos da páxina web municipal.
[30-10-2017] O Concello de Ames está reordenando e mellorando as áreas de estacionamento que están situadas nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. As últimas actuacións realizadas foron a pavimentación e pintado do aparcadoiro que se atopa ao carón da rúa Alcalde Lorenzo. Ademais, neste mesmo lugar habilitouse unha nova área de estacionamento con máis de 150 prazas, despois de chegar a un acordo cos propietarios dunha parcela de 4.400 metros cadrados. No Milladoiro executáronse unhas escaleiras que unen o polígono do Novo Milladoiro co aparcadoiro do campo de fútbol para que poida ser usado polas persoas que traballan neste parque empresarial. Tamén se mellorou a seguridade viaria na rúa do Muíño Vello.
[28-10-2017] A obra “O Valo”, creada por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, será representada o vindeiro luns, 30 de outubro, perante o alumnado de sexto de Primaria do CEP de Ventín. O espectáculo busca promover, entre as nenas e nenos, unha reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas. A representación do “Valo” encádrase dentro da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, fixado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) o 21 de xuño.
[28-10-2017] O Concello de Ames vén de ampliar o número de grupos das actividades de patinaxe, ximnasia de mantemento, ximnasia rítmica, spinning e xadrez. A ampliación débese ao aumento progresivo, ano tras ano, do número de inscricións nas Escolas, que alcanzou este curso as 2.347. Neste novo curso, están a ser empregadas nove instalacións deportivas diferentes: os dous pavillóns municipais, os dous dos CEIP de Barouta e o CEIP Agro do Muíño, as dependencias dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro, o anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns, os locais sociais de Biduído, Agrón e Tapia e a sala do espazo de usos múltiples de Aldea Nova. Ademais, está contemplada a construción de novas instalacións deportivas anexas aos dous pavillóns municipais. O goberno municipal de Ames materializa, deste xeito, a súa aposta polo práctica deportiva e os hábitos de vida saudables.
[28-10-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e un dos xentes de desenvolvemento local do Concello de Ames, achegáronse ata a antiga escola unitaria de Firmistáns, situada na parroquia de Bugallido, para ver como avanzan as obras de rehabilitación deste edificio que pasará a ter un uso social e veciñal coa finalidade de ser un fogar de tránsito e/ou soporte socio-educativo, para acoller a persoas en situación de risco social temporal. Este proxecto foi adxudicado á empresa 2000 Joscón Construcciones, S.L. por un importe de 85.910 euros.
[27-10-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, informa de que este xoves, 26 de outubro, saíu publicada, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros, sendo de 1.200€ o máximo do importe individual concedido a cada unidade familiar. Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza das súas fillas e fillos. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ata o vindeiro 27 de novembro. Para obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 941 e 981 890 964.
[27-10-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, informa de que este xoves, 26 de outubro, saíu publicada, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a convocatoria de axudas orientada ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros, sendo de 1.200€ o máximo do importe individual concedido a cada unidade familiar. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ata o vindeiro 27 de novembro. Para obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 941 e 981 890 964.
[27-10-2017] O pleno ordinario de outubro foi unha sesión moi emotiva pola despedida das concelleiras Pilar Candocia e Chus Bóo, que deixan a corporación municipal ao abandonar o grupo municipal de Ames Novo. Pero tamén houbo un intenso debate nalgún dos puntos incluídos na orde do día. Deste xeito aprobouse a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, o inicio do procedemento de deslinde dun camiño público no lugar da Ponte Nova, en Agrón, e a prórroga, por un ano, do contrato asinado con Urbaser SA para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do concello. Ademais, tamén se aprobaron tres propostas presentadas polo grupo municipal popular e polo concelleiro non adscrito, Javier López, así como unha moción presentada por vía de urxencia polo goberno municipal sobre a aprobación da modificación do anexo de investimentos 1/2017. Un grupo de veciños despregou unha pancarta no salón de pleno na que se podía ler: “Non á depuradora no Souto”.
- ‹ anterior
- 727 de 1382
- seguinte ›