[04-11-2017] A próxima semana comezan as actividades organizados polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora cada 25 de novembro. O vindeiro luns, 6 de novembro, unha delegación de 17 Concellos, adheridos á campaña En Negro contra as Violencias, viaxará a Bruxelas, co obxectivo de explicar no Parlamento Europeo as claves desta iniciativa e visibilizar, deste xeito, o pacto municipal social galego contra as violencias machistas. A Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, será a responsable de representar ao Concello de Ames no Parlamento Europeo.
En Bruxelas, a concelleira de Ames, Luísa Feijóo, manterá diversas xuntanzas de traballo para explicar as claves desta campaña e a implicación da cidadanía. A primeira destas reunións será con José Blanco, membro da delegación española do grupo parlamentar europeo Socialists &Democrats (S&D). Posteriormente, reunirase con Iratxe García, presidenta da delegación socialista española e coordinadora do grupo S&D na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero. Durante a súa visita ao Parlamento Europeo, Luísa Feijóo tamén terá un encontro con Vilija Blinkevičiūtė, presidenta da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero, , así como con Elena Valenciano, vicepresidenta do grupo S&D.
Este é o segundo ano que o Concello de Ames participa na campaña En Negro contra as Violencias, que no noso concello se desenvolve baixo o nome Ames en Negro. A través desta campaña téntase facer visible o rexeitamento da sociedade das violencias machistas, a través de camisetas, manteis, mandís, lonas e outros distintivos. O obxectivo desta campaña é fomentar a sensibilización cidadá contra estas violencias no eido municipal, a través da coordinación entre Concellos. Nesta iniciativa tamén se implican o tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como toda a cidadanía en xeral de cada Concello, nunha resposta colectiva contra as violencias machistas. A campaña tamén pretende incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia contra as mulleres, mediante o uso de materiais específicos por parte dos establecementos comercias e dos axentes sociais.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca “a implicación unha vez máis de todos os Concellos e institucións adheridas ao pacto, nun tema de tanta relevancia social como son as violencias machistas”. “Desde o Concello de Ames, animamos á cidadanía a prender roupas negras ou carteis cos lemas da campaña nas súas xanelas, de maneira que toda a veciñanza de Ames constitúamos un berro colectivo contra as agresións machistas”, salienta Feijóo. A campaña, da que xa forman parte 70 Concellos e as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, desenvolverase en Ames os días 24, 25 e 26 de novembro. O vindeiro día 15, realizarase a sinatura colectiva do protocolo de colaboración.
As actividades organizadas polo 25 de novembro, compleméntanse coa realización das VII Xornadas Acércate para a Igualdade e Prevención das Violencias Machistas, que se desenvolverán na Casa da Cultura do Milladoiro, o vindeiro 16 de novembro. Como en edicións anteriores, a xornada da mañá estará máis enfocada ás e aos profesionais deste eido, mentres que pola tarde haberá seis obradoiros diferentes destinados a un público máis amplo. O programa pódese consultar na páxina web https://acercateaigualdade.com/.
As xornadas tamén se achegarán aos centros educativos de secundaria do concello. Será o 24 de novembro, baixo o título “A xestión do consentimento e as relacións afectivo-sexuais”. Nas próximas semanas tamén se levarán a cabo outras actividades como a presentación dos puntos de Igualdade e do conto “Ames: falando de igualdade no CIM”, destinado ás máis pequenas e pequenos do concello. De igual maneira, tamén se continuarán a plantar árbores no Paseo Carme Amado e a dotar de contido o Paseo da Igualdade.




