[03-11-2017] Chega o mes de novembro e con el as festas do magosto. O Concello de Ames colabora coas asociacións de veciños e veciñas e cos centros educativos na organización destes eventos que comezan hoxe en Barouta. De seguido, celebraranse en Cruxeiras, Ventín, Paramuíño, O Milladoiro, no local social de JUPEMI e en Coira.
Ao longo do mes de novembro hai varias festas do magosto programados en diferentes lugares do municipio. O Concello de Ames, un ano máis, colabora na organización destes eventos tradicionais. Ademais, cómpre destacar a importancia das diferentes asociacións veciñais e centros educativos na organización de ditas festas.
As festas do magosto comezan este venres, 3 de novembro, ás 16:30 horas, no campo da festa de San Amaro de Barouta. Este evento está organizando polo alumnado de sexto de primaria do CEIP de Barouta. De seguido, mañá sábado, 4 de novembro, a asociación Pedra do Fuso organiza un magosto, ás 18:00 horas, no local social de Cruxeiras. Tamén mañá, 4 de novembro, haberá unha festa do magosto, ás 19:30 horas, en Eira de Arriba, que organiza a asociación Paravent. Nesta festa participarán os veciños e veciñas dos lugares de Ventín e Paramuíño.
Para o vindeiro venres, 10 de novembro, queda a festa do magosto do Milladoiro. Será ás 17:30 horas na praza de Manuel Murguía. Este evento estará organizado polo alumnado de quinto de primaria do CEP de Ventín. A vindeira fin de semana, o sábado 11, tamén se realizará un magosto no local social de JUPEMI, no Milladoiro. Por último, o venres 17 de novembro, ás 21:00 horas, haberá unha festa do magosto na aldea de Coira, que está organizada pola Asociación de veciños de Coira O Quinteiro.
Dende o Concello de Ames considérase fundamental a participación do tecido asociativo municipal na celebración do magosto e o samaín, así como noutros festexos tradicionais.




