Pestanas principais

A XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames continúa este venres no Milladoiro coa representación da obra Shakespeare para todos

Xoves, 02 de novembro de 2017

[02-11-2017] O vindeiro venres, 3 de novembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 21:00 horas, a representación da obra Shakespeare para todos, do grupo teatral da asociación Andaina Pro Saúde Mental. A peza, que se encadra dentro da XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, é unha adaptación libre de dous textos do dramaturgo inglés: Romeo Xulieta e O Mercader de Venecia. A primeira representación da mostra tivo lugar o pasado 20 de outubro. Os vindeiros 10 e 17 de novembro haberá dúas funcións máis. A entrada é sempre libre e gratuíta. A Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura.


A XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames continúa este venres, 3 de novembro, coa representación da obra Shakespeare para todos, cuxas actrices e actores pertencen ao grupo teatral da asociación Andaina Pro Saúde Mental. Un grupo que traballa cos beneficios terapéuticos e rehabilitadores do teatro. A función será ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A dirección da obra, cuxa duración é de 50 minutos, correu a cargo de Fran Rei, quen tamén se encargou da adaptación do texto. A peza é unha versión libre dun par de obras do dramaturgo inglés, William Shakespeare, que relata os enredos románticos de Romeo e Xulieta e as aventuras do Mercader de Venecia.

A Mostra de Teatro Afeccionado comezou o pasado 20 de outubro coa obra A Corda, do grupo The Puntillas Teatro, de Santa Comba. Xan Martínez foi o responsable da dirección e da adaptación do guión da peza - unha versión libre do filme A Soga, de Alfred Hitchock -. A Mostra incluirá dúas funcións máis, que terán lugar os vindeiros 10 e 17 de novembro. 

O medo meu, do grupo Catre Teatro da asociación cultural Alende, será a obra representada o próximo 10 de novembro. A peza, que está dirixida por Agustín Bolaños, é unha traxicomedia que xira arredor das persoas e dos seus medos. O 17 de novembro terá lugar a última das representacións que conforman a Mostra. Este día, o grupo municipal de Teatro de Ames interpretará O Enmeigado, unha obra de Ramón María del Valle-Inclán, na que se deseña un retrato descarnado da sociedade onde a miseria das desposuídas busca, por veces, camiños revirados para gañar o pan. A dirección e adaptación da peza foi un traballo de Mónica Caamaño.

A Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura. A entrada das obras, que están dirixidas a un público adulto, é libre e gratuíta. 


Contido relacionado


Lindeiros: "Shakespeare para todos na XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames"