Pestanas principais

As sesións de contacontos continúan en novembro nos locais sociais das parroquias e nas bibliotecas municipais

Sábado, 04 de novembro de 2017

[04-11-2017] A Concellaría de Educación e Cultura preparou para este mes de novembro unha completa programación de contacontos, que se vai desenvolver nos locais sociais de Augapesada e Bugallidado, así como nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Ao longo deste mes, haberá dúas sesións de contacontos en cada espazo. Estas sesións están dirixidas especialmente a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta.

As actividades de animación á lectura, que organiza a Concellaría de Educación e Cultura, amósalles ás nenas e nenos, mediante sesións de contacontos, o encanto que se atopa nos libros. Ao longo de novembro, haberá catro sesións de contos nas bibliotecas do concello (dúas no Milladoiro e dúas en Bertamiráns). Nos locais sociais das parroquias tamén se sucederán catro sesións neste mes: dous luns ao mes en Aguapesada e dous martes ao mes en Bugallido.

No local social de Aguapesada, o vindeiro 6 de novembro, as máis cativas e cativos terán a oportunidade de escoitar de viva voz o conto Éranse dúas veces os tres porquiños. O 20 de novembro, relatarase o conto Garavanciño. As dúas sesións comezarán ás 18:15 horas. En Bugallido, pola súa banda, os contacontos desenvolveranse os días 7 e 21 de novembro, tamén ás 18:15h. O día 7, a sesión estará centrada no conto A eiruguiña comellona, mentres que o día 21 narrarae o conto do Coelliño branco. 

A programación dos contacontos de novembro xirará arredor dos lobos e das mascotas, nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns. No Milladoiro, a primeira sesión será o 9 de novembro (lobos), mentres que a segunda terá lugar o día 22 (mascotas). En Bertamiráns, o 8 relataranse contos de lobos e o día 23, de mascotas. As catro sesións comezarán as 18:00 horas. Estes contacontos están dirixidos especialmente a crianzas entre os 3 e os 8 anos.

As sesións de contos abordarán ao longo deste curso diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Deste xeito, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, o que estas sesións procuran é promover a educación igualitaria e en valores, fortalecer o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecer ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Contacontos no rural e nas dúas bibliotecas de Ames dende hoxe e ata o día 23"