Actualidade
[19-06-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, organizou un programa de andainas saudables, de 4,5 km de distancia, que está composta de 7 rutas urbanas circulares con saída e chegada dende o centro de saúde do Milladoiro. Trátase de andainas de dificultade media – baixa, que terán unha duración aproximada dunha hora ou hora e media.
[19-06-2018] Este luns, 18 de xuño, ás 12:00 horas, realizouse no salón de plenos da Casa do Concello un sorteo público para ditaminar os rapaces e rapazas que van ocupar as 10 prazas dispoñibles para o Concello de Ames dentro dos campamentos deportivos da Deputación da Coruña. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o documento co resultado de dito sorteo. Neste sorteo tiveron preferencia aquelas mozas e mozos que non participaran nestes campamentos en edicións anteriores.
[18-06-2018] O Concello de Ames informa de que xa está exposta a lista provisional de solicitudes admitidas no programa de Escola de Verán. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar esta lista. Debido a Lei de Protección de Datos non se poden publicar datos de carácter persoal nesta lista, pero pódese comprobar se un rapaz ou rapaza está admitido/a a través do número de rexistro que figura nesta lista e na copia do impreso de inscrición de cada usuario/a. Esta lista tamén se pode consultar nas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, nas portas de entrada da Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro. As persoas que desexen presentar algunha reclamación teñen de prazo ata o 25 de xuño de 2018.
[18-06-2018] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizou este domingo, 17 de xuño, a proba de supercross “Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2018”, que se desenvolveu no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participaron 45 pilotos de supercross de toda Galicia. José Canosa Fernández gañou en categoría elite nunha xornada na que o piloto local, José Manuel Moure, quedou terceiro na categoría de veteranos. Na categoría de veteranos a primeira posición foi para Alberto Díaz Fernández.
[18-06-2018] A vindeira Foliada con Apego será o próximo xoves, 28 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, os seus nome e apelidos, as idades e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo mércores, 27 de xuño.
[18-06-2018] Este pasado sábado o Pazo da Peregrina acolleu unha nova edición do Encontro Intercultural. Esta actividade tivo unha grande participación, tanto por parte de familias migrantes afincadas en Ames, coma de outros veciños e veciñas que participaron da festa. En total, 31 persoas de 18 nacionalidade diferentes prepararon 59 receitas que se puideron degustar durante dito encontro. Ademais, impartiron obradoiros nos que participaron adultos e nenos/as. Tamén houbo música a cargo do grupo Ascuas e inaugurouse, da man do propio autor, Felipe Carnotto, a exposición fotográfica “No colo da esperanza”. Por último, entregáronse os diplomas do curso de esforzo de integración, encadrado no programa Ames Integra.
[18-06-2018] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron xunto a arquitecta municipal, o director de obra e membros da empresa Martínez Montes e Hijos SL, a Travesía do Porto, no Milladoiro, para ver como quedaron as obras de reurbanización da beira oeste da rúa e para abrir un acceso ao parque público verde. A través desta actuación conectouse a zona verde coa Travesía do Porto a través de escaleiras e unha rampla accesible. Os traballos foron adxudicados á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 245.993 euros.
[18-06-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o decreto coa lista provisional de admitidos e excluídos no proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de asesores xurídicos de urbanismo. O prazo de subsanación de documentación remata o vindeiro 25 de xuño de 2018. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito decreto.
[18-06-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio coa resolución das alegacións presentadas ao segundo exame da fase de oposición e a convocatoria do exame de galego do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de persoal de cociña do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito anuncio.
[16-06-2018] Esta fin de semana comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura o goberno municipal realizou obras de mellora nestas instalacións.
- ‹ anterior
- 651 de 1381
- seguinte ›