[18-06-2018] Este pasado sábado o Pazo da Peregrina acolleu unha nova edición do Encontro Intercultural. Esta actividade tivo unha grande participación, tanto por parte de familias migrantes afincadas en Ames, coma de outros veciños e veciñas que participaron da festa. En total, 31 persoas de 18 nacionalidade diferentes prepararon 59 receitas que se puideron degustar durante dito encontro. Ademais, impartiron obradoiros nos que participaron adultos e nenos/as. Tamén houbo música a cargo do grupo Ascuas e inaugurouse, da man do propio autor, Felipe Carnotto, a exposición fotográfica “No colo da esperanza”. Por último, entregáronse os diplomas do curso de esforzo de integración, encadrado no programa Ames Integra.
A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade celebrou unha nova edición do Encontro Intercultural co obxectivo de promover a interculturalidade entre a veciñanza mediante o intercambio de saberes, favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través da gastronomía de cada país. Estes Encontros naceron no 2008 ligados ás aulas de castelán e galego, que o Concello imparte ás persoas migrantes de Ames. A iniciativa, que está comprendida na Estratexia de Inclusión Social de Galicia (2014-2020), está confinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FSE Galicia.
No Encontro deste 2018 participaron 31 persoas de 18 nacionalidades diferentes, con receitas propias dos seus países de orixe: Cuba, República Dominicana, Brasil, Venezuela, Panamá, Nixeria, Timor Oriental, Guatemala, Italia, Marrocos, Portugal, Angola, Colombia, Holanda, Paraguay, Bosnia-Herzegovina, Perú e a propia Galicia. En total prepararon 59 receitas que se puideron degustar ao longo da tarde. Algunhas destas persoas foron tamén as encargadas de impartir os diferentes obradoiros que se desenvolveron ao longo da tarde e que abordaron os modos de creación de barriletes (cometas típicas de Guatemala), turbantes, trenciñas africanas e a decoración de chanclas.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, que asistiu a dita festa, agradeceu a xenerosidade e traballo das persoas, que de xeito desinteresado, prepararon as receitas que se puideron degustar e impartiron os obradoiros. “Foi unha xornada de convivencia para aprender destas persoas que chegaron a Ames doutros países do mundo”. O alcalde de Ames, José Miñones, tamén se achegou durante a tarde ata o Pazo da Peregrina para participar de dito Encontro. Tamén houbo música da man do grupo Ascuas.
Por outra banda, entregáronse os diplomas do curso de esforzo de integración, encadrado no programa Ames Integra. Neste curso participaron cinco persoas procedentes de Venezuela, Brasil e República Dominicana O proxecto Ames Integra, que está dirixido á poboación migrante extracomunitaria residente no termo municipal amesán, caracterízase polo seu carácter informativo e de integración socio-laboral. O programa contempla tres liñas de actuación, que inclúen as titorías personalizadas de inserción laboral, as accións de mediación intercultural e os cursos de integración.
Exposición fotográfica “No colo da esperanza”
O Encontro Intercultural tamén incluíu a inauguración da exposición fotográfica “No colo da esperanza”, centrada nas persoas refuxiadas e ofertada ao Concello polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames é socio. Esta exposición, que se poderá visitar no Pazo da Peregrina ata o venres 29 de xuño, ten como obxectivo concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. A mostra componse dunha ducia de fotografías en branco e negro tomadas no ano 2015 na coñecida como "ruta dos Balcáns", a través da que milleiros de persoas foxen da guerra en Siria á procura de refuxio en Europa.
Estas fotografías están protagonizadas principalmente por nenos e nenas que foxen da guerra en Siria coas súas familias, na procura dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas responsables da crise migratoria e humanitaria pola que miles de refuxiados se ven obrigados a abandonar os seus fogares e camiñar durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz.
Contido relacionado
Compostela 24 Horas: "31 persoas de 18 nacionalidades diferentes prepararon 59 receitas no Encontro Intercultural de Ames"
El Correo Gallego: "Amesáns orixinarios de 18 países compartiron cultura"