Actualidade
[21-06-2018] O Concello de Ames vén de facer pública a programación cultural para o verán deste 2018, que inclúe unha Foliada con Apego; a representación do musical Peter!... Voamos!; un concerto do grupo Treixadura; o espectáculo Cigani, de Pista catro produtora de soños; a actuación de A Banda da Loba nas Noites en Vela; a oitava edición do festival Millarock; o espectáculo A casa do terror, de Xoán Curiel; o espectáculo O Xogueteiro, da Cé Orquestra Pantasma; o espectáculo Avós, de Trinketrinke Teatro; o espectáculo de As aventuras de Gale, da man de A Xanela do Maxín; e mailos obradoiros de lingua e cultura En galego, co teu acento!.
[20-06-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa de que está aberto o prazo para matricularse no programa de psicomotricidade e nos servizos complementarios municipais de educación para o curso 2018-2019. Os pais/nais do alumnado admitido terá que formalizar a matrícula dos seus fillos/as nas Oficinas Xerais do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A matrícula nos servizos complementarios de educación tamén se pode facer a través da páxina web www.conciliames.org, aínda que despois hai que presentala por rexistro. As listas de usuarios/as renovados/as e de solicitudes admitidas pódense consultar na sección de Avisos da web municipal.
[20-06-2018] O Concello de Ames fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola Plataforma Feminista Galega para este mércores, 20 de xuño, en dezasete cidades e vilas galegas, en repulsa do caso de violencia machista que acabou coa vida de María Magdalena Moreira Alonso, de 47 anos, asasinada a tiros polo seu marido este pasado luns 18 de xuño, no Porriño, o mesmo día que tiñan pensado asinar o divorcio. Un dos lugares onde se vai a desenvolver unha destas concentracións é a praza da Maía, situada en Bertamiráns, ás 20.30 horas.
[20-06-2018] O Concello de Ames informa de que o Servizo Municipal de Auga, que ofrece a empresa Espina & Delfín nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, disporá de horario de verán durante os meses de xullo e agosto. Deste xeito, disporá de horario de atención ao público de luns a venres, de 8.30 a 14.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas. Con este horario increméntase a atención presencial durante a mañá para compensar a atención dos sábados. A atención pola tarde adiántase unha hora.
[20-06-2018] Este xoves, 21 de xuño, a asociación AMICO en colaboración co Concello de Ames organizan unha xornada informativa sobre a vantaxes da rehabilitación dende a perspectiva da fisioterapia, a terapia ocupacional e a realización de actividade física entre as persoas con discapacidade. Esta actividade realizarase no local social de JUPEMI, no Milladoiro, ás 17.30 horas. A participación nesta xornada está aberta a toda persoa interesada, mais terán preferencia ás persoas con discapacidade. A entrada será libre ata completar o aforo.
[20-06-2018] As nenas e nenos usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares celebraron hoxe, penúltimo día de clase, o fin de curso cun xantar moi especial: churrasco con patacas fritas e, de sobremesa, xeado de xeo. O menú foi escollido polos propios rapaces e rapazas, nunhas eleccións organizadas, como noutros anos, polo propio Concello. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. O primeiro prato, que consiste nun puré de cenoria, foi escollido pola nutricionista municipal.
[20-06-2018] Dende a Concellaría de Sanidade informan que se cancela a andaina saudable deste xoves, 21 de xuño, con saída e chegada no centro de saúde do Milladoiro. O motivo de dita cancelación é que o SERGAS recomenda non realizar esta actividade debido as altas temperaturas previstas para a tarde deste xoves. A seguinte andaina saudable esta programada para o xoves 19 de xullo.
[19-06-2018] Este mércores, 20 de xuño, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames celebra o seu tradicional concerto de fin de curso. Este ano o concerto está baseado no conto “Arroás O Barco Escola”, do libro Mar Adiante, de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras galegas. O concerto será ás 19.30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Deste xeito, ponse punto e final ao curso 2017-2018 da EMMA.
[19-06-2018] A Plataforma pola humanización da estrada N550 ao seu paso polo Milladoiro convocou unha manifestación para este xoves, 21 de xuño, co obxectivo de realizar unha marcha pola avenida de Rosalía de Castro e cortar o tráfico. A marcha sairá dende a rúa de Castelao ás 20:00 horas. Os/as manifestantes baixarán pola avenida de Rosalía de Castro ata a rotonda que está na entrada do Milladoiro e volverá pola avenida de Rosalía de Castro ata a rúa da Madalena onde rematará. Dende a devandita plataforma solicitan a participación da veciñanza amesá para amosar o rexeitamento ao actual estado da N-550 e pedir a súa humanización.
[19-06-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González xunto co técnico de promoción económica, asistiron este luns, 18 de xuño, á inauguración do proxecto “Fisterra Bovine World”. Este proxecto foi apadriñado polo exseleccionador español, Vicente del Bosque. Tamén acudiu, entre outras personalidades, o cronista oficial de Ames, Máximo Viaño, un dos socios fundadores da Cooperativa Feiraco e un dos promotores da denominación Ternera Gallega, entre outros moitos famosos do mundo do arte e da gastronomía. Trátase do primeiro proxecto mundial de cría de vacún en paralelo, posto en marcha pola empresa Discarlux, no que se van a criar 13 razas de vacas diferentes. Durante 24 meses vanse a criar xuntas estas razas bovinas de todo o mundo, coa máxima pureza e unha idade semellante, que van ser alimentadas do mesmo xeito, no mesmo lugar e cos mesmos coidados.
- ‹ anterior
- 650 de 1381
- seguinte ›