[18-06-2018] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron xunto a arquitecta municipal, o director de obra e membros da empresa Martínez Montes e Hijos SL, a Travesía do Porto, no Milladoiro, para ver como quedaron as obras de reurbanización da beira oeste da rúa e para abrir un acceso ao parque público verde. A través desta actuación conectouse a zona verde coa Travesía do Porto a través de escaleiras e unha rampla accesible. Os traballos foron adxudicados á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 245.993 euros.


O goberno municipal traballa na mellora do Milladoiro. Para iso executaron dende o pasado mes de febreiro as obras de reurbanización da beirarrúa oeste da Travesía do Porto. Asemade, ditos traballos permitiron unir esta rúa coa zona verde que está ao carón da área deportiva e do IES do Milladoiro. Este proxecto, que foi adxudicado por un importe de 245.993 euros, foi sufragado a través dunha achega provincial de 2016 (antigo Plan de Acción Social) que está incluída dentro do POS+ 2017.
A través deste proxecto abordouse a ordenación da Travesía do Porto que segue mantendo a súa configuración de travesía urbana. A través desta obra ampliouse a beirarrúa oeste que pasou a ter aparcamentos laterais de 2,5 metros, separados da calzada por unha rigola. Asemade, reformouse totalmente a beirarrúa oeste que se reparte en beirarrúa exterior (Camiño Portugués), de 3,30 metros, e beirarrúa interior de 2,60 metros de dimensión mínima, separadas ambas por aliñación de arboredo. As obras xa están rematadas. Tan só queda colocar dous bancos e cambiar parte da rede metálica de peche da pista deportiva que se emprega para a práctica de baloncesto e tenis.
A través desta actuación déuselle continuidade á zona urbana que ven dende a rúa Palmeiras e abriuse o parque verde público aos peóns que transitan pola Travesía do Porto. O obxectivo era abrir o parque central do Milladoiro (que está pegado á Casa da Cultura, ao pavillón, á piscina descuberta e ao instituto) e unilo á Travesía do Porto para formar unha gran zona verde e área de lecer para todos os veciños e veciñas desta localidade. A conexión destas dúas zonas fíxose a través dunhas escaleiras e unha rampla accesible. Ademais, ao carón das escaleiras de acceso executouse unha bancada de acceso que se estableceu a modo de bancos. Ademais, mantívose o arboredo existente e plantáronse novas especies e creáronse novas zonas de xardín.
Dende o goberno municipal indican que grazas a execución deste proxecto púidose cambiar completamente a imaxe da contorna da Travesía do Porto. Agora, pódese acceder directamente ao parque accesible e á zona verde dende a Travesía do Porto.





