Pestanas principais

A asociación AMICO e o Concello de Ames organizan para este xoves, 21 de xuño, unha xornada informativa sobre as vantaxes da rehabilitación

Mércores, 20 de xuño de 2018

[20-06-2018] Este xoves, 21 de xuño, a asociación AMICO en colaboración co Concello de Ames organizan unha xornada informativa sobre a vantaxes da rehabilitación dende a perspectiva da fisioterapia, a terapia ocupacional e a realización de actividade física entre as persoas con discapacidade. Esta actividade realizarase no local social de JUPEMI, no Milladoiro, ás 17.30 horas. A participación nesta xornada está aberta a toda persoa interesada, mais terán preferencia ás persoas con discapacidade. A entrada será libre ata completar o aforo.

O local social de JUPEMI, situado no Milladoiro, acolle este xoves, 21 de xuño, ás 17.30 horas, unha xornada informativa, que organiza a Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca, para trasladar ás persoas con discapacidade do concello de Ames as vantaxes que ofrece a realización periódica de tratamentos e actividade física adaptada baixo supervisión de profesionais. A xornada que forma parte do Servizo de rehabilitación VIII, que a asociación presenta á Deputación da Coruña, e conta coa colaboración do Concello de Ames co obxectivo de ampliar o alcance deste servizo ao maior número de persoas interesadas.

As persoas asistentes poderán coñecer e consultar ao equipo de profesionais do Centro de rehabilitación Combina Social, que se encargan dos tratamentos, as dúbidas ou consultas que lle xurdan respecto diso, tras informarlles das ferramentas que poñerían á súa disposición. Con estas xornadas a asociación quere conseguir un maior nivel de participación social, un mellor coñecemento corporal, así como incentivar o autocoidado entre as persoas con discapacidade. A xornada será impartida por profesionais expertas e tituladas en Fisioterapia e Terapia Ocupacional, encargadas da prestación dos tratamentos integrados no Servizo de rehabilitación VIII.

O obxectivo da xornada é xerar un espazo de encontro e consulta coas persoas interesadas en incorporar a práctica de exercicio e tratamentos axeitados como factor clave para a súa inclusión social. A través dos tratamentos as persoas con discapacidade aprenderán a ser conscientes da súa realidade corporal, incrementaranse as posibilidades de actuación e participación social, así como lograrán un maior nivel de satisfacción individual , grupal e en relación coa contorna. Así mesmo, farase unha presentación e darase información dos tratamentos e actividades que se prestan a través do Servizo de Rehabilitación VIII.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "AMICO e Ames organizan unha charla sobre a rehabilitación en maiores"