Pestanas principais

Ames convértese no centro mundial da cría de vacún da man de Discarlux co proxecto “Fisterra Bovine World”

Martes, 19 de xuño de 2018

[19-06-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González xunto co técnico de promoción económica, asistiron este luns, 18 de xuño, á inauguración do proxecto “Fisterra Bovine World”. Este proxecto foi apadriñado polo exseleccionador español, Vicente del Bosque. Tamén acudiu, entre outras personalidades, o cronista oficial de Ames, Máximo Viaño, un dos socios fundadores da Cooperativa Feiraco e un dos promotores da denominación Ternera Gallega, entre outros moitos famosos do mundo do arte e da gastronomía. Trátase do primeiro proxecto mundial de cría de vacún en paralelo, posto en marcha pola empresa Discarlux, no que se van a criar 13 razas de vacas diferentes. Durante 24 meses vanse a criar xuntas estas razas bovinas de todo o mundo, coa máxima pureza e unha idade semellante, que van ser alimentadas do mesmo xeito, no mesmo lugar e cos mesmos coidados.


Proxecto apadriñado por Vicente del Bosque
O evento foi presentado polo xornalista de Televisión Española, Jota Abril, e amenizado polos actores e humoristas Sergio Pazos e Miguel Lago. José Portas e Carlos Rolda (xerentes de Discarlux e fundadores do proxecto) ofreceron un emotivo discurso no que non faltaron os agradecementos e a entrega dunha placa, que quedará colocada no cortello, en memoria do xornalista José María Iñigo, recentemente falecido e gran amigo de Discarlux e da súa famosa “Confraría do Txuletón” que apadriñou o exseleccionador español, Vicente del Bosque.

No acto tamén participou o actor Juan Echanove, para agradecer o traballo que se está a acometer, e estiveron presentes profesionais do mundo da cociña en representación dos mellores restaurantes do mundo, como o noruego catalogado na actualidade como o mellor restaurante do mundo, ou outros internacionais de Francia, Alemaña ou Irlanda, ademais de nacionais da categoría do Kabuki.

A parte institucional estivo representada polo subdirector xeral de gandería da Xunta de Galicia, Jorge Enrique Mourela, polo alcalde do Concello de Ames, José Miñones, e pola concelleira de Promoción Económica, Participación e Atención Veciñal, Isabel González. Tamén acudiu o axente local de emprego do Concello de Ames, Jorge Couñago. Ao final dos discursos houbo unha gran festa co polbo e a carne galega como protagonistas, nun ambiente desenfadado onde non faltaron os viños galegos, o vermú ou a cervexa galega.

Tras moitos meses de traballo e quilómetros percorridos, buscando a leira galega que mellor se adaptase ao proxecto, con bos pastos, rodeada de vexetación, auga nas proximidades e aire puro, a empresa Discarlux atopou o destino ideal no concello de Ames, na aldea de Trasmonte. Unha leira rural tipicamente galega, rodeada de piñeiros e carballos autóctonos, pastos naturais e situada a escasos 20 quilómetros da costa, así como lugar de paso do Camiño de Fisterra.

Nesta contorna vanse criar 13 razas de vacas diferentes (Angus Aberdeen, Wagyu, Simmental, Galloway, Hereford, Dexter, Highland, Cachena, Limiá, Sayaguesa, Maronesa, Frisoa e, por suposto, a rubia Galega, da cal se optou por incluír vaca e boi). Durante 24 meses vanse a criar xuntas estas razas bovinas de todo o mundo, coa máxima pureza e unha idade semellante, que van ser alimentadas do mesmo xeito, no mesmo lugar e cos mesmos coidados.

Trece razas bovinas distintas con morfoloxías diferentes, alimentadas e criadas baixo o sistema gandeiro galego, usando alimentación propia da zona baseada en millo autóctono do pais e pastos próximos ao mar. Loxicamente non están todas as razas cárnicas do mundo, pero seleccionaron unha mostra representativa do máis alto nivel, elixíndoas pola súa boa adaptación, morfoloxía e rendemento convencidos que van ofrecer unha alta calidade na súa carne.

O obxectivo final é amosar que as carnes destas especies doutros países ao ser criadas na nosa terra poden conseguir a mesma calidade que a que na actualidade ten un maior recoñecemento, como é a Rubia Galega. O proxecto será valorado pola Universidade de Santiago de Compostela unha vez pasen os anos de cría e por medio dunha cata internacional darase a valoración dos mellores chefs do mundo.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou “a importancia do proxecto que poñerá a Trasmonte no mapa internacional. Na actualidade, a parroquia de Trasmonte xa conta con sona mundial grazas ao camiño de Santiago a Fisterra, que atravesa esta parroquia de Ames”. Para o goberno municipal, este proxecto é de un enorme calado e “buscarase potenciar o entorno coa posta en marcha dunha aula de formación, que permita a gandeiros de toda España acercarse a coñecer o proceso de cría, así como abrir á mocidade dos colexios esta explotación para que coñezan o mundo da cría de vacún”.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Del Bosque y Juan Echanove estarán este lunes en Trasmonte"
Compostela 24 horas: "La élite de la sociedad española se paseó por Trasmonte"
La Voz de Galicia: "Un experimento en Ames cuidará vacas de trece razas durante dos años para ver la calidad de la carne"
El Correo Gallego: "Discarlux cría a la gallega y en Ames trece supervacas"