Pestanas principais

As nenas e nenos usuarias da Rede Municipal de Comedores Escolares rematan o curso escolar xantando churrasco con patacas fritas

Mércores, 20 de xuño de 2018

[20-06-2018] As nenas e nenos usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares celebraron hoxe, penúltimo día de clase, o fin de curso cun xantar moi especial: churrasco con patacas fritas e, de sobremesa, xeado de xeo. O menú foi escollido polos propios rapaces e rapazas, nunhas eleccións organizadas, como noutros anos, polo propio Concello. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. O primeiro prato, que consiste nun puré de cenoria, foi escollido pola nutricionista municipal.

A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que completa o menú de fin de curso, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, o primeiro prato que se serviu hoxe foi un puré de cenoria. Aínda que o curso remata o día 21 de xuño, este menú sérvese hoxe porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.

As usuarias e usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares volveron ser practicamente unánimes no que a gustos culinarios se refire. Por terceiro ano consecutivo, o churrasco con patacas e o xeado de xeo (un polo de limón ou laranxa), volveron ser a opción favorita para a grande maioría do alumando. O menú escollido foi degustado hoxe, penúltimo día de clase, xa que mañá unha grande parte do alumnado xa come nas súas casas.

Este foi o décimo terceiro ano no que se celebraron estas peculiares eleccións. Nesta ocasión, o alumnado tivo que escoller entre seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguetes á boloñesa con queixo e pescada rebozada con pasta tricolor. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o polo de xeado, xeado de corte de tres sabores, amorodos con nata, iogur de chocolate e flan con nata.

Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en seis ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. Os tres últimos anos volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares.

Este ano o churrasco con patacas frita gañou nos comedores dos CEIP Agro do Muíño, Barouta e a Maía, mentres que a pizza de xamón e queixo impúxose nos comedores do CEP de Ventín e da EEI do Milladoiro. O xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou en todos os comedores, excepto no da EEI do Milladoiro, no que gañou o xeado de corte de tres sabores.