Actualidade

O Concello de Ames sumouse a convocatoria da FEGAMP, para gardar un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas, tralos dous terremotos que se produciron en Venezuela, e que provocaron unha gran cantidade de vítimas mortais e numerosos feridos. A este acto solidario, realizado diante da Casa do Concello en Bertamiráns e das Oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro, acudiron numerosos veciños/as de orixe venezolana que residen en Ames. O Concello informará durante os próximos días, a través das súas canles oficiais, sobre o procedemento para canalizar a axuda que se desexe enviar a Venezuela.

O Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo quinta edición. O evento está organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña e ten como obxectivo fomentar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. O espectáculo celebrarase o vindeiro venres, 31 de xullo, na Travesía do Porto e no Anfiteatro do Milladoiro, onde actuarán os Tentáculo Rock, Sr Salvaje, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia. Tamén haberá persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargada dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. De novo, nesta edición ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival.

Do 13 ao 21 de xuño disputouse a IV edición do Aberto de Tenis de San Xoán, torneo de carácter federado organizado pola Asociación Deportiva Val da Maía e polo Concello de Ames, que reuniu nas pistas municipais de Aldea Nova a 118 participante procedentes de diversos puntos da xeografía galega (Ames, A Coruña, Vigo, Tui, Ferrol, A Estrada, Padrón, Cambre, Fene, Vilagarcía de Arousa, e Santiago de Compostela). Cómpre destacar a boa actuación dos deportistas locais Iván P. (do Club Squash Santiago) e César Raña Díez (da Asociación Deportiva Val da Maía), na categoría veteranos+45.

Este xoves, 25 de xuño, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de xuño. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do Plan Municipal de Emerxencia ante situacións de seca; a aprobación inicial da ordenanza reguladora do estacionamento e pernoita de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas; a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos; e a aprobación do proxecto de mellora dos viarios de acceso a Firmistáns, Gasamáns e Pedras. Ademais trataranse dúas mocións presentadas polos grupos políticos municipais do Partido Popular e BNG. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de infantil e de educación primaria entre o 22 e o 30 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 160 nenas e nenos, que están repartidos do seguinte xeito: 72 no CEIP da Maía, de Bertamiráns (dos cales 38 son de infantil e 34 de primaria); 58 no EEI Milladoiro; e 80 no CEP de Ventín.

Sergio Martínez Calvo, veciño de Vilagarcía de Arousa, é o gañador da terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Nesta edición do concurso participaron 4 persoas. O obxectivo do certame, que organizou a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O premio do concurso será entregado este venres 26 de xuño, ás 21.00 horas, durante o acto de conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se vai celebrar na explanada do pavillón de Bertamiráns. Tamén haberá actividades durante a tarde do sábado no Paseo da Igualdade, no Milladoiro.

O Concello de Ames e Augas de Ames lanzan unha nova edición da campaña “Cada gota conta” para promover o uso responsable da auga. O incremento das temperaturas e do consumo de auga propio do verán fai un chamamento á responsabilidade colectiva para garantir o abastecemento e evitar posibles restricións no futuro.

Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 224 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. Ademais, as persoas responsables de cada lumieira deberán vixiar o lume ata a total extinción do mesmo e ter a man os teléfonos da Policía Local, Protección Civil e Emerxencias. Preme nesta ligazón para descargar o bando coas normas para realizar cacharelas no San Xoán.

O Concello de Ames vén de presentar a programación estival “Verán en Ames 2026”, que encadea tres meses seguidos cheos de actividades e festexos. Entre todas propostas programadas destacan as festas da Madalena do Milladoiro, do 1 ao 4 de agosto, e as da Peregrina de Bertamiráns, do 5 ao 9. Ademais inclúense actividades para todos os públicos: os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia ou festival ABANEA. Premendo nesta ligazón poderse obter máis información sobre a programación.

A Escola Municipal de Teatro de Ames realizou durante este mes de xuño as clausuras dos diferentes grupos que a compoñen. Ademais, o grupo municipal de teatro tamén pechou a súa actividade coa estrea da obra “Mobilizad@s”, con pases nos auditorios do Bertamiráns e O Milladoiro. Cómpre lembrar que as inscricións para renovar praza na Escola xa están abertas ata o vindeiro 23 de xuño. Posteriormente, do 29 de xuño ao 10 de xullo abrirá un segundo prazo para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres.
- ‹ anterior
- 7 de 693
- seguinte ›




