Pestanas principais

Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+

Martes, 23 de xuño de 2026

Sergio Martínez Calvo, veciño de Vilagarcía de Arousa, é o gañador da terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Nesta edición do concurso participaron 4 persoas. O obxectivo do certame, que organizou a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O premio do concurso será entregado este venres 26 de xuño, ás 21.00 horas, durante o acto de conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se vai celebrar na explanada do pavillón de Bertamiráns. Tamén haberá actividades durante a tarde do sábado no Paseo da Igualdade, no Milladoiro.

Con motivo da conmemoración este domingo, 28 de xuño, do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organizou o concurso de fotografía LGTBIQ+. O Concello de Ames puxo en marcha este certame dentro da campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. O obxectivo é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidade con respecto á comunidade LGTBIQ+.

Unha vez finalizado o prazo para presentar as fotografías, o xurado decidiu que a foto gañadora é a de Sergio Martínez Calvo (Sergio Pirata), veciño de Carril-Vilagarcía de Arousa. Na terceira edición deste certame participaron 4 persoas: Sergio Martínez Calvo, de Vilagarcía de Arousa; Paula Castiñeira Olveira, veciña do Milladoiro; Jules Herrmann Herrero, veciño da urbanización Pedra Dourada; e María Porras Alcón, que enviou a súa imaxe dende Murcia.

Sergio Martínez Calvo, Paula Castiñeira Olveira e María Porras Alcón presentaron unha fotografía, mentres que Jules Herrmann Herrero presentou dúas imaxes. As fotografías tiñan que ser orixinais e inéditas. Cada participante podía presentar dúas fotografías como máximo. As instantáneas podían realizarse con calquera tipo de técnica e estilo.

Conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ 
A programación comezará o venres 26 de xuño, ás 19.30 horas, na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns, con dous obradoiros. O primeiro estará enfocado ao deseño e elaboración de bolsas, mentres que o segundo estará orientado á confección de bandeiras conmemorativas. Todo isto, acompañado de música, flocos de millo e algodón de azucre. Para ambos talleres a participación será aberta e gratuíta, polo que non será preciso realizar ningunha inscrición.

Xa ás 21.00 horas, unha vez finalizados os obradoiros, farase entrega do premio do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se levou a cabo no concello durante as últimas semanas, e que está enmarcado na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Para finalizar a xornada, celebrarase unha Holi Party, a festa das cores.

O sábado, 27 de xuño, a acción pasará ao Paseo da Igualdade, ao carón do pavillón do Milladoiro. Deste xeito, ás 20.00 horas, comezará un novo obradoiro, que neste caso recibe o nome “Somos cores” e terá unha duración aproximada dunha hora. Xa ás 22.00 horas, comezará o gran xogo “Símbolos na noite escura”, para o que será preciso inscrición previa cubrindo o formulario que se atopa no código QR do cartel. Esta actividade está pensada para persoas maiores de 13 anos. No caso de choiva, realizarase no anexo do pavillón municipal do Milladoiro.

Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+

Multimedia

  • Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+
  • Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+
  • Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+
  • Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+
  • Sergio Martínez Calvo gaña a terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+