Pestanas principais

O Pleno debaterá sobre a aprobación do Plan Municipal de Emerxencias ante situacións de seca

Mércores, 24 de xuño de 2026

Este xoves, 25 de xuño, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de xuño. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a  aprobación do Plan Municipal de Emerxencia ante situacións de seca; a aprobación inicial da ordenanza reguladora do estacionamento e pernoita de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas; a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos; e a aprobación do proxecto de mellora dos viarios de acceso a Firmistáns, Gasamáns e Pedras. Ademais trataranse dúas mocións presentadas polos grupos políticos municipais do Partido Popular e BNG. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de catro actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de maio e xuño. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de maio celebrada o 28 de maio de 2026. 

A continuación, debaterase sobre a aprobación inicial da ordenanza reguladora do estacionamento e pernoita de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas. O Concello de Ames mediante esta ordenanza establece, no exercicio das súas competencias, a regulación e ordenación de todos os aspectos relativos a esta actividade nas vías públicas municipais e nos espazos públicos do municipio.

Estímase necesaria a regulación desta actividade cunha dobre finalidade. Por un lado, acadar maior seguridade xurídica e establecer maiores garantías para as persoas usuarias, promotoras e xestoras de zonas de estacionamento e puntos de reciclaxe, sexan de titularidade pública ou privada, así como para as persoas xestoras dos servizos municipais e para a cidadanía en xeral. Por outro, potenciar o crecemento económico e a xeración de riqueza mediante o aproveitamento dos recursos municipais favorecendo, e promovendo, o desenvolvemento da oferta de servizos turísticos sostibles e de calidade, dirixidos ás persoas usuarias de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas. 

De seguido abordarase a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos. Na actualidade, o Concello atópase ante unha imposibilidade técnica transitoria para executar de xeito automatizado o cruzamento, depuración e procesamento informático da totalidade dos datos de padrón coas bases de datos catastrais. Esta circunstancia, baixo a redacción actual da ordenanza, supón un bloqueo operativo que impide lanzar ao cobro a totalidade da taxa, poñendo en risco a recadación mesmo da cota básica, cuxos datos si resultan estables. 

Co obxecto de garantir a estabilidade orzamentaria e a suficiencia financeira do servizo, considerase necesario disociar a liquidación e recadación de ambas as dúas cotas mediante a aprobación de padróns independentes. Deste xeito, recadarase de forma inmediata a cota básica con datos dispoñibles, e demorarase a cota variable ao momento en que os datos técnicos estean depurados, sen que iso altere o principio de unidade do feito impoñible nin o momento do devengo da obriga tributaria. 

Esta disociación temporal da esixibilidade resulta beneficiosa para a cidadanía. Ao distribuír o cobro da cota básica e da cota variable en dous momentos diferenciados do ano, alíviase substancialmente a carga financeira que supón para as economías domésticas e comerciais o pago íntegro e simultáneo da taxa nun único período recadador, axudando a distribuír os gastos fiscais das familias ao longo do exercicio.

Plan Camiños Rurais 2026-2027
Por outra banda, vaise a tratar a aprobación do proxecto de mellora dos viarios de acceso a Firmistáns, Gasamáns e Pedras. A Consellería do Medio Rural aprobou as normas para a xestión do procedemento de concesión directa das axudas correspondentes a convocatoria para o período 2026, das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026 e 2027.  

O importe máximo da subvención que lle corresponde ao Concello de Ames ascende a 54.446 euros sen IVE. O devandito plan non financia a parte correspondente ao IVE (o cal debe ser financiado polo Concello). A través do Plan Camiños Rurais 2026-2027 vaise acometer a mellora dos viarios de acceso a Firmistáns, Gasamáns e Pedras. O orzamento base de licitación ascende a contía de 65.879,66 euros, dos cales o Concello ten que sufragar 11.433,66 euros, que a parte correspondente ao IVE.

Plan Municipal de Emerxencias ante situacións de seca
Outro dos temas que se van abordar é a aprobación definitiva, se procede, do Plan Municipal de Emerxencias ante situacións de seca. O 14 de novembro de 2024, o Concello de Ames remitiu a Augas de Galicia dito plan, solicitando informe conforme ao establecido na Lei 9/2019, do 11 de decembro. Na mesma data, o plan tamén foi remitido á entidade pública Augas de Ames EPEL. Dita entidade, coa asistencia da empresa Espina y Delfín, SL, emitiu informe de revisión e avaliación do Plan Municipal de Emerxencia ante situacións de Seca do Concello de Ames. 

Augas de Galicia emitiu un primeiro informe sobre o plan, no que, tras analizar a documentación presentada, indicou que, para que o documento cumprira co establecido no artigo 9 da Lei 9/2019 e co Plan Especial de Seca da demarcación hidrográfica de Galicia - Costa, debían completarse, aclararse e corrixirse determinados aspectos técnicos e documentais.

Como consecuencia das observacións formuladas por Augas de Ames EPEL e dos requirimentos efectuados por Augas de Galicia, procedeuse á revisión e actualización do Plan Municipal de Emerxencia ante situacións de Seca. Augas de Galicia emitiu informe definitivo favorable sobre o plan do Concello de Ames o pasado 6 de maio de 2026. Posteriormente, o 18 de maio o técnico municipal do ciclo integral da auga emitiu o correspondente informe – proposta.

Apartado de mocións
Neste apartado vanse debater dúas mocións. A primeira, presentada polo grupo municipal do BNG, aborda a mellora da mobilidade, accesibilidade e seguridade no parque empresarial Novo Milladoiro. Na segunda moción, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, solicítase a tramitación dun contrato ponte para a xestión do centro deportivo municipal de A Telleira.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames debatirá su plan de emergencias contra la sequía y la ordenanza sobre pernocta de autocaravanas"

La Voz de Galicia: "Ames cambia la tasa de basuras para posibilitar el cobro de la cuota básica de forma inmediata"

Imaxe de arquivo do salón de plenos