- Tematica
A Escola Municipal de Teatro de Ames realizou durante este mes de xuño as clausuras dos diferentes grupos que a compoñen. Ademais, o grupo municipal de teatro tamén pechou a súa actividade coa estrea da obra “Mobilizad@s”, con pases nos auditorios do Bertamiráns e O Milladoiro. Cómpre lembrar que as inscricións para renovar praza na Escola xa están abertas ata o vindeiro 23 de xuño. Posteriormente, do 29 de xuño ao 10 de xullo abrirá un segundo prazo para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres.
A Escola Municipal de Teatro, posta en marcha no ano 2021 pola Concellaría de Cultura, clausurou esta semana o seu cuarto curso en funcionamento. Así, os rapaces e rapazas de varios grupos de idade ofreceron diversas mostras de teatro ante os seus achegados para ensinar as habilidades aprendidas ao longo de todo o curso.
Realizáronse clausuras nos dous núcleos urbanos de Ames. A rolda de actuacións comezou o martes 4 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta xornada actuou o grupo inclusivo, o cal representou a obra “A eclipse”. Posteriormente, o 9 de xuño, foi a quenda do grupo infantil (6º infantil, 1º e 2º de primaria), que presentou a peza “Turfina, unha princesa pouco fina”; o grupo infantil (de 3º a 6º de primaria) puxo en escena a obra “Un accidente inesperado”; e o grupo xuvenil (de educación secundaria) representou a peza “A máquina do tempo”.
Ao día seguinte, o 10 de xuño, a acción pasou á Casa da Cultura do Milladoiro, onde o grupo infantil, composto por alumnos e alumnas de educación primaria, representou a obra “Unha historia de carapuchiñas”, e o grupo xuvenil, formado por rapaces e rapazas de educación secundaria, fixo o propio coa peza “Historias dunha comisaría”.
Estrea de “Mobilizad@s”
O grupo municipal de teatro integrado por adultos, estreou o 5 de xuño no Milladoiro a obra “Mobilizad@s”, e o 12 de xuño ofreceron un novo pase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Con esta obra o grupo municipal de teatro de Ames representou unha peza que aborda as problemáticas da o mundo moderno: exposición pública, timos, presións nas redes... Unha reflexión cómica e paródica feita desde o escenario para tomar con moito humor os cambios dos novos tempos.
Renovación das prazas da Escola Municipal de Teatro
Co remate do ano escolar, as persoas que xa forman parte da Escola Municipal de Teatro xa poden renovar a súa praza ata o vindeiro 23 de xuño. Para efectuar dita renovación haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro.
Posteriormente, abrirase un segundo prazo, do 29 de xuño ao 10 de xullo, para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres. Neste caso as prazas adxudicaranse por orde de entrada da ficha de inscrición no Rexistro. O proceso de inscrición será o mesmo que para renovar praza. Haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro.
Logo da comprobación por parte do departamento de Cultura da existencia de praza vacante, enviarase á persoa interesada a confirmación de praza e a folla de autoliquidación para que proceda a facer efectivo o pagamento seguindo o mesmo procedemento que se indica anteriormente, no primeiro prazo de inscrición. As solicitudes que non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de agarda por se houbese algunha baixa ao longo do curso.













































