- Tematica
O Concello de Ames sumouse a convocatoria da FEGAMP, para gardar un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas, tralos dous terremotos que se produciron en Venezuela, e que provocaron unha gran cantidade de vítimas mortais e numerosos feridos. A este acto solidario, realizado diante da Casa do Concello en Bertamiráns e das Oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro, acudiron numerosos veciños/as de orixe venezolana que residen en Ames. O Concello informará durante os próximos días, a través das súas canles oficiais, sobre o procedemento para canalizar a axuda que se desexe enviar a Venezuela.
A forte vinculación que une a Galicia con Venezuela, terra de acollida de miles de galegos e galegas, fai que sintamos esta traxedia especialmente próxima. Por iso, dende o Concello de Ames manifestamos publicamente o noso pésame ás familias das vítimas e o noso apoio ás persoas afectadas.
Ames é tamén unha terra de acollida, na que reside unha importante comunidade de veciños e veciñas de orixe venezolana que contribúen cada día ao desenvolvemento social, cultural e económico do noso concello. Neste momento de dor, queremos trasladarlles toda a nosa solidariedade, afecto e apoio, facéndolles chegar a nosa proximidade ante as consecuencias desta traxedia.
Deste xeito, esa mañá realizouse unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e das das Oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro, para renderlle unha pequena homenaxe e mostrar o pesar polas persoas falecidas, e como mostra de solidariedade coas familias das vítimas e con todas as persoas feridas. Neste acto participaron membros da Corporación, persoal municipal e numerosos veciños/as de orixe venezolana que residen en Ames.
O alcalde, Blas García, dixo “sabemos que é un momento moi complicado para todos os familiares das persoas que residen en Venezuela e se viron afectados polos terremotos. Somos conscientes que en Ames hai persoas con familia en Venezuela e que non saben nada deles agora mesmo, co cal son momentos complicados. En nome de toda a Corporación municipal quero trasladarvos o noso apoio e afecto nun momento tan complicado. Aquí estamos para o que poidamos axudarvos”.
Ademais, o Concello informará, a través das súas canles oficiais, sobre o procedemento para canalizar a axuda que se desexe enviar a Venezuela. O Goberno municipal mantén contacto con asociacións e entidades supramunicipais co obxectivo de coordinar esta colaboración da maneira máis eficaz posible. Nos vindeiros días daranse a coñecer os mecanismos articulados.










