Pestanas principais

Comeza unha nova campaña de reciclaxe do aceite doméstico

Venres, 14 de decembro de 2018

[14-12-2018] A Concellaría de Medio Ambiente de Ames pon en marcha unha nova campaña de reciclaxe de aceite doméstico de cara ao 2019, tralo éxito acadado na deste ano. Nesta ocasión, a Concellaría regalará embudes para facilitar a reciclaxe nos fogares, co que se espera superar a cifra acadada neste 2018, con un total de 10.967 quilos recollidos só ata finais de setembro. O Concello de Ames posúe colectores de aceite por todo o término municipal seguindo como criterio o número de habitantes existentes por zona.

O aceite usado é responsable dun grave problema tanto medioambiental como económico, posto que non só é prexudicial cando entra en contacto co medio, especialmente coa auga posto que impide o desenrolo de vida acuática, senón que a súa depuración e o mantemento das estacións depuradoras carrexan altos custes económicos. Asemade, a rede de sumidoiros pública tamén se ve afectada polo vertido de aceite a través das canalizacións, dado que deteriora as cañarías.

Así, co obxectivo de favorecer a reciclaxe do aceite doméstico, a Concellaría de Medio Ambiente de Ames está repartindo embudes para facilitar a reciclaxe deste produto desde os fogares, que poderán recollerse na oficinas do departamento de Medio Ambiente, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns; e na conserxería da Casa da Cultura do Milladoiro.

Con esta campaña búscase concienciar á poboación da importancia da reciclaxe do aceite doméstico, diminuír a carga contaminante nos ríos e mares e rendabilizar o funcionamento das depuradoras. Asemade, quérese facer fincapé na importancia de que sexa precisamente o aceite usado unha das formas de fabricar biodiésel, carburante menos contaminante.

10.967 quilos de aceite recollido
Durante a campaña do 2018, entre os meses de xaneiro de setembro, recolléronse un total de 10.967 quilos de aceite entre os 27 puntos de recollida repartidos por todo o municipio. Coa reciclaxe desta cantidade evitouse a contaminación de arredor de 12.063.700 litros de auga, posto que un só litro de aceite pode chegar a contaminar uns 1.000 litros de auga. Os meses de maior recolección foron xullo, setembro e marzo.

Os colectores de recollida de aceite usado están repartidos do seguinte xeito: 8 colectores en Bertamiráns (4 na avenida da Maía e 1 nas seguintes rúas: Arrucheiro, Alcalde Lorenzo, Camiño Novo e Poeta da Maía); 12 no Milladoiro (4 en Rosalía de Castro e 1 nas seguintes zonas: Praza de Manuel Murguía con Raxoeira, Agro do Medio, Costa Grande, Estivada de Castelao, Madalena, Palmeiras, Pardiñeiros e na Casa da Cultura); 1 nas urbanizacións de Aldea Nova e Mimosas; e 1 colector en cada unha das cinco parroquias máis poboadas do concello; Ames, Bugallido, Covas, Biduído e Ortoño (na urbanización de Agro do Muíño). Nas seis parroquias restantes colocouse un bidón nos locais sociais de cada unha delas.

Importancia da recollida do aceite doméstico
O concelleiro de medio Ambiente, Javier García, destaca a importancia e beneficios da recollida do aceite doméstico. “E importante que o aceite que se usa no ámbito doméstico non se verta polo fregadeiro porque ten un alto impacto ambiental. O aceite nos ríos incrementa a carga contaminante creando capas na superficie da auga que impiden o paso do osíxeno e con iso o desenrolo da vida acuática. Ademais, co aceite procedente do fogar prodúcese biodiésel, podéndose usar como combustible, xa que as emisións do biodiésel son menos contaminantes”, indica Javier García.

Para identificar a localización de cada un dos puntos de recollida, así como o desagregación do recollido en cada un deles, pode consultar a listaxe dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Comeza unha nova campaña de reciclaxe do aceite doméstico"
Lindeiros: "Nova campaña de reciclaxe de aceite doméstico en Ames"